La Voz de Galicia

Emerxencia lingüística

Opinión

Marcos Maceira Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

10 Mar 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Os datos publicados pola enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia indican con claridade que a tendencia negativa de uso da lingua galega continúa a medrar. Estamos en emerxencia lingüística e nada invita a un uso normal e habitual do noso idioma. Que posibilidade temos de realizar accións diarias, mesmo as obrigatorias ou imprescindíbeis, en galego? A realidade, a que o traballo de Sondaxe volta a visualizar, é que é posíbel vivir en Galiza sen nin sequera articular, sentir, escribir ou ler palabra galega.

 

A existencia dunha lingua é a manifestación da existencia dun pobo que quere selo e como tal ser recoñecido. Unha lingua viva con posibilidades reais de uso sitúa no mundo e aforra millóns de euros en publicitar confianza e capacidades colectivas. Son os gobernos os que primeiro teñen que asumir a súa existencia, actuar en consecuencia e comprometérense para garantir presenza, dispoñibilidade e posibilidade de uso pleno.

De entre todos os factores que inciden na perda de uso do galego, reparemos en dous onde a exclusión legal da lingua galega e a desgaleguización consecuente mostran que non é un proceso natural: o ensino e o audiovisual.

No ensino, o decreto de 2010 é motivo de importantes protestas entre as que se inclúe o Comité de Ministros do Consello de Europa, mais tamén alternativas como a proposta de bases para a normalización apoiada pola Mesa, sindicatos, anpas e movementos de renovación pedagóxica.

Para o audiovisual estamos á espera de que se fagan efectivos os acordos parlamentares coa creación dunha canle xabarín na futura plataforma dixital da TVG, que poderá ser un pequeno oasis no medio do enorme deserto que xa son as canles e plataformas audiovisuais se o Goberno español non engade para o galego na nova lei do audiovisual idénticas garantías que dá para o español en producións, emisións, catálogos, dobraxe, lexendaxe e audiodescricións. Isto é, a posibilidade de vermos series, deseños animados ou filmes na nosa lingua na nosa casa, en calquera medio.

Estudos como o do IGE do 2018 sinalaban, como único dato positivo, un aumento significativo de persoas que escriben sempre en galego, indicando consciencia no uso e vontade por reaxir e reparar a situación mesmo nas situacións máis adversas. É esa consciencia crecente con acción reparadora a que mantén a esperanza no futuro da lingua. Farán algo os poderes públicos para correspondela e mudar a situación?


Comentar