Compartir sorrisos
Opinión
18 Mar 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Era un chío da correspondente de RTVE Almudena Ariza sobre o traballo dun grupo de pallasos nunha das fronteiras de Ucraína. Estaban a recibir aos rapaces refuxiados con sorrisos e brincadeiras e Ariza chiaba «isto é o máis bonito que vin en moito tempo», e compartía un vídeo da organización Dream Doctors con rapaces rindo ás gargalladas. E entón pensei na organización nada en Catalunya en 1993 Pallassos Sense Fronteres, e na cantidade de alegría que teñen levado á rapazada en zonas de conflito desde que comezaron. Sen dúbida foron pioneiros na idea de organizarse para entender o poder social do sorriso, pois a súa misión «consiste en mellorar a situación emocional da infancia que padece as consecuencias de conflitos armados, guerras ou catástrofes naturais».
Na súa páxina web contan a historia de como xurdiu a idea: de como a conexión entre un colexio de Barcelona (Escola Projecte) e un colexio da cidade de Veli Joze, na actual Croacia, fixo que os rapaces de Barcelona contactaran co pallaso Tortell Poltrona para levalo ao campo de refuxiados de Savudrija. E desa primeira viaxe, á guerra dos Balcáns, nace a necesidade de continuar, até tal punto que tiveron que crear a organización Clowns Without Borders International para aglutinar ás múltiples asociacións arredor do mundo que seguen «os mesmos valores éticos» de PSF.
Pallassos Sense Fronteres volve agora á Ucraína, onde xa estiveran en 2018, apoiando aos nenos refuxiados da guerra do Donbás. E co seu traballo, en Líbano, Burkina Faso, Colombia ou Etiopía, son a testemuña de que aínda hai esperanza na condición humana, de que aínda podemos ser bos.... regalando sorrisos.