Culpable
Opinión
13 Apr 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Se teño que decantarme por algunhas películas que me impresionasen nos últimos tempos, sempre aparecen as do reputado director iraniano Ashgar Farhadi. As máis delas son obras mestras, con guións xeniais que lle devolven ao cine todo o seu poder de sedución nun mundo que está a ser dominado polas series. O seu talento é máis ca evidente e así llo teñen recoñecido nos festivais internacionais máis prestixiosos. Mesmo a súa formidable Nader e Simin, unha separación apañou un Oscar. A última que puidemos ver nos cines, Un heroe, tamén está cargada de xenialidade e foi premiada polo xurado de Cannes. A sorpresa destes días vén porque o cineasta se enfronta a un xuízo por plaxio, precisamente por esta película. A denuncia, que mesmo o pode levar ao cárcere, púxoa unha súa alumna que fixo un documental titulado All Winners, All Losers, dispoñible en YouTube, e que asegura que a película do profesor copia a idea dun xeito descarado sen citala nin recoñecer a fonte orixinal. A miña primeira reacción, como admirador do artista e poñendo pouco creto nos tribunais de Teherán, foi pensar que este caso, que se basea en feitos reais, podía ser de dominio público e, xa se sabe, cando as historias son universais só cambia a forma de contalas. Con todo, a miña curiosidade levoume a ver o documental para comparalo coa película e, malia que as diferenzas son notables en canto á calidade, tiven en todo momento a certeza de que estaba a ver unha mesma cousa, algo tan semellante que evidenciaba o fusilamento da idea da alumna por parte do seu profesor. Descoñezo se foi torpeza, móbil económico ou soberbia de Ashgar Farhadi para non citala nin recoñecer a inspiración, pero si sei que, con independencia do que digan os tribunais de Teherán, eu xa teño o meu veredicto.