La Voz de Galicia

Lideremos o novo modelo enerxético

Opinión

Valentín González Formoso Secretario xeral do PSdeG-PSOE

17 Apr 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Estamos en transición, mergullados no maremágnum de cambios asociados á mobilidade, á forma de producir, ao modo de xerar enerxía, así que cómpre sacar a cabeza da auga e levantar ben a vista para tomar agora as decisións correctas que marcarán o noso futuro. Galicia está diante dunha oportunidade histórica. E coido que poñerá a proba os liderados políticos, pero tamén os liderados empresariais, sindicais e sociais dun país.

 

Os acordos globais contra o cambio climático, capitaneados moitas veces pola Unión Europea, establecen ambiciosos obxectivos de implantación de enerxía eólica e outras fontes renovables coa finalidade de substituír os combustibles fósiles que sustentaron o crecemento mundial no último século. E nesta transición vaise impoñer o protagonismo dunhas rexións sobre outras, como ocorreu no pasado coas que tiñan subsolos ricos en petróleo ou carbón, ou como xa acontece agora coas que atesouran litio ou cobre, materiais esenciais para a fabricación de chips e baterías.

A revolución enerxética na que estamos inmersos precisa de sociedades concienciadas, dispostas a abeirar un tipo de enerxía inocua, que lle dará un respiro ao planeta e que poderá reter talento e a innovación en Galicia da man da oportunidade que suporá a xeración do hidróxeno verde, electrolizado co noso vento e a nosa auga, e que, á súa vez, salvará tantas industrias e familias galegas da pantasma do desemprego, brindándolle á mocidade a ocasión de desenvolver o seu proxecto vital e laboral na súa terra.

Os países mais avanzados de Europa xa están a asumir ese liderado. É agora cando as organizacións políticas deben ler ben o cambio de paradigma, actuar con responsabilidade e ofrecer á sociedade un modelo enerxético respectuoso co rural, co medio ambiente e co noso patrimonio. Un modelo con participación pública e privada, que non sexa especulativo, que garanta ingresos para a sanidade e a educación, que reequilibre as rendas do mundo urbano co rural e que, en definitiva, non teña complexos fronte aos que, dende sempre, din non a todo, non ás autoestradas que vertebran o país, non ao AVE que xa chega a Galicia e non á enerxía limpa que abraza Europa.

O Pacto por unha Enerxía Eólica Sostible, que o PSdeG ven de asinar con CC.OO., UXT, Unións Agrarias, Fademur e Ventonoso, é unha chamada a camiñar por esa senda, a darlle a Galicia a relevancia que merece sen a compracencia liberal cos patufos desleigados que nunca interpretan os cambios en clave colectiva, senón en beneficio propio. O noso pacto en favor da enerxía eólica e do hidróxeno verde está aberto á sociedade á que servimos, sabedores de que a enerxía é un ben estratéxico, e de que un país con poder de xeración é tamén un país con potencial para mellorar a calidade de vida da súa xente.


Comentar