Bailar a vida
Opinión
29 Apr 2022. Actualizado a las 16:39 h.
A verdade é que sempre me gustou bailar. Bailar ao meu xeito, sen normas, bailar porque si, coma outra forma de expresarme, de comunicarme comigo mesma. Pois para min hai algo fascinante e liberador no movemento, algo que non podo expresar con palabras. E estes días decateime de que a única parte que boto en falta desoutra vida que deixei atrás hai un tempo (a vida nos escenarios) é a do movemento libre e feliz que saía do meu corpo mentres tocaba. Sen filtros. Sen vergoña. Cos ollos pechados deixando que o corpo conversara coa música.
Tamén pensei en cando vivía o meu pai e tocaba para que a xente cantara e bailara en calquera lugar posible, porque para o meu pai tódolos sitios eran un palco. E pensei nas festas na casa da Luisa e do Félix, nos bailes até as tantas coa miña nai, coas miñas irmás, cos seres máis queridos... Nesa sensación de poder bailar o que unha sinta, sen ter que preocuparse do que opinen os demais. Pois cando unha está cos seus, bailando en comunidade, non ten medo de ser xulgada.
E hoxe, no Día Internacional da Danza, non podo parar de preguntarme (como tantas outras veces) que pasaría se o baile fose obrigatorio nas escolas públicas. Se de súpeto tódolos rapaces puidesen liberar as súas complexas emocións a través do movemento. Que pasaría se a educación pública nos axudase a relacionarnos a través da expresión sen palabras, da imaxinación e da creatividade en comunidade? A través dun baile aberto, sen máis regras que deixarse levar polo respecto e a beleza dos diferentes xeitos que teñen os nosos corpos de expresar emocións... Quizais algo tan sinxelo nos axudaría a entendernos mellor, de xeito individual, pero tamén en colectivo.