La Voz de Galicia

Esgotar o mundo

Opinión

Antón Riveiro Coello

26 Jun 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Leo neste periódico, con abraio e certa envexa, que un home de Viveiro sumou 159 países en 22 anos, e seica só lle faltan 36 para esgotar o mundo. O feito de que sexa profesor de Matemáticas non deixa de ser relevante porque levará ben as contas. Sen lle tirar ningún mérito a semellante fazaña, nin pór en dúbida a paixón por coñecer todos os lugares imaxinables, coido que nesa ansia viaxeira pode haber máis unha vontade de marcar un fito que de afondar nun país.

 

Cansinos Assens, home cultísimo e máis ben sedentario, dicía que viaxar é un movemento da imaxinación. Non se me ocorre unha definición máis orixinal. O mellor exemplo que eu coñezo de viaxeiro nato é un dos meus mellores amigos que, dende hai máis de corenta anos, anda a viaxar polo mundo. Non me estrañaría que na súa mochila houbese máis dun cento de países, pero, coñecéndoo como eu o coñezo, sei que nunca perdería o tempo en contalos, talvez porque, neste caso, se trata dun profesor de Xeografía e Historia ao que non se lle dan ben as contas. O que máis me marabilla del é a preparación das viaxes. Durante meses ou anos, coñece primeiro os países nos libros e despois gusta de se perder neles, non con esa teima turística de facer un número determinado senón cunha curiosidade de seu. El sempre me di que para coñecer un país hai que se aburrir nel, perder o tempo e coller un autobús abarrotado que non te leva ao hotel, pero si a unha vila dubidosa ou a un encontro inesperado. Eu, que antes viaxaba coa mentalidade do pobre que o quere ver todo para aproveitar o gastado, agora xa sei que o mundo é inabarcable para min e para o meu peto. Así que non me queda outra que me conformar con recuncar nos sitios que me enfeitizaron porque iso, cando menos, me permite estar, en vez de pasar.


Comentar