Orde e desorde
Opinión
02 Jul 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Manhattan é un prezado diamante entallado con avenidas e rúas ortogonais que se cita como epítome da vangarda, a beleza e a orde urbana, á marxe dos disturbios e a segregación. O proceso de construción, iniciado co século XIX, foi unha das grandes atrocidades ecolóxicas dos tempos modernos, que alterou brutalmente o territorio orixinario e aínda hoxe segue esculpindo os seus fráxiles bordes fluviais.
Ante a imposición da orde inmobiliaria nas zonas máis céntricas das cidades, Pablo Sendra e Richard Sennett reclaman, no libro Diseñar el desorden, flexibilizar os espazos públicos en áreas menos tensionadas, propiciar o seu goce e a creatividade. Hai que ter en conta que os cidadáns introducimos a desorde nas rúas e prazas co tráfico, as festas, as manifestacións, pero estamos prontos a reclamar límites aos excesos da noite, ao ruído, á sensación de inseguridade, o que leva a unha especialización da rúa en carrís exclusivos, terrazas e zonas de estancia por idades, regulando a liberdade de uso comunitario.
Andrés Rubio, pola súa parte, escribe en España fea sobre os erros do urbanismo desordenado na etapa democrática, que vén ser unha obra de referencia para valorar, en contraposición aos abundantes casos que denuncia con sobrada razón, os exemplos de boas prácticas. É certo que a España chegan vagas de habitantes dos ordenados e fríos países nórdicos e centroeuropeos na procura do sol e o alboroto dos chiringuitos, sostendo a balanza turística e tensionando o mercado inmobiliario; pero tamén está probado que a tendencia a regulalo todo non evita os fracasos urbanísticos.
Enfocar ambos temas require unha intensa reflexión urbana e non deixarse levar pola última novidade, sexa a «gobernanza do algoritmo» ou o metaverso. Máis ben do que se trata é de ver como a política —non as liortas partidarias— pode conciliar os diferentes estatutos, desde o individuo e a súa soidade, a familia dentro da vivenda, a comunidade do edificio, a veciñanza do barrio e o estatuto de cidadanía. Estas lecturas presentan unha cuestión de fondo social: onde está o límite entre a orde e a desorde? Atribúese a Goethe, impresionado pola Revolución francesa, unha frase que convén reler no seu contexto: «prefiro cometer unha inxustiza a aturar a desorde». Camus dicía que non é a orde a que fortalece a xustiza, senón a xustiza a que dá certeza á orde. Por veces, o límite é unha liña, unha fronteira ou unha valla metálica onde os mundos entran en colisión e os máis débiles perecen esmagados.