Cambiar de sexo
Opinión
04 Jul 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Un xuíz admite o cambio de sexo a unha nena de oito anos que pasará a figurar como home no rexistro civil. As características que a sociedade atribúe a mulleres e homes cambiaron ao longo dos séculos, pero sempre tiveron un carácter discriminatorio. Aínda sen chegar aos casos de homosexualidade, calquera desviación da norma era censurable. Zorrilla chegou a dicir de Gertrudis Gómez de Avellaneda : «Era una mujer; pero lo era sin duda por un error de la naturaleza, que había metido por distracción un alma de hombre en aquella envoltura de carne femenina». O que provocou esa opinión era a paixón que a escritora manifestaba nos seus versos de amor, ata entón só admisible nos homes. A mesma discriminación debeu de sufrir Rosalía de Castro, que se preguntaba quen era ela, que non se axustaba aos canons da poesía feminina da época: «Daquelas que cantan as pombas i as frores / todos din que teñen alma de muller/ Pois eu que n' as canto, Virxe dá Pomba/ ai! De que a teréi». Ante casos como o desa nena que afirma desde os cinco anos que é un neno, pregúntome cales son hoxe as características que diferencian a un home dunha muller, á parte das físicas. Que viu ao seu arredor, na súa familia, en si mesma, que a leva a sentir que, a pesar do seu físico, ela é un neno. Quere dicir que se identifica cos roles dos nenos? Ese sentir nace dun desexo de igualarse ao outro sexo? É a constatación de diferenzas?
Que se considera masculino ou feminino? Seguen vixentes estereotipos pasados? Despexar estas incógnitas axudaría a entender a sociedade en que vivimos.