La Voz de Galicia

De Feijoo a Rueda: oportunidade perdida?

Opinión

gonzalo caballero Doutor en Economía e Ciencia Política e deputado no Parlamento de Galicia

22 Aug 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Os cambios á fronte da presidencia da Xunta foron limitados na recente historia democrática galega. Nas catro primeiras décadas de autonomía, Galicia tivo once eleccións autonómicas e cinco presidentes. Os resultados implicaron 34 anos de gobernos conservadores por seis de executivos progresistas. 

Sabemos da análise institucional comparada que hai momentos puntuais nos que emerxen máis opcións para mudar a intención de voto e a correlación de forzas. Cando un liderado personalista remata, ábrese unha encrucillada na que as dinámicas de cambio poden acenderse fronte ás de continuidade. En definitiva, unha oportunidade para mudar o statu quo e os equilibrios existentes.

A sucesión de Núñez Feijoo despois de trece anos á fronte da Xunta constituíu unha oportunidade para desatar novas dinámicas na sociedade galega. Porque se os Gobernos de Feijoo tiveron sempre un claro compoñente de liderado presidencialista, o seu relevo —lexítimo e democrático, aínda que poñendo ao PP por riba de Galicia— supoñía unha oportunidade de ouro para modificar o taboleiro político galego.

Pois ben, cando se cumpren os primeiros cen días de Goberno de Alfonso Rueda, observo que a dereita foi quen de levar a cabo a sucesión de Feijoo mantendo o equilibrio dos seus apoios, sen desgaste relevante e sen alteracións profundas nas tendencias nin no mapa electoral galego.

Tantas veces escoitamos aquilo de que cando marchase Feijoo, moito cambiaría na política galega e que habería relevantes transvasamentos de voto. Incluso algúns sostiñan que un PSdeG máis centrista captaría moito voto dun PP sen Feijoo. Polo de agora parece que non é así. Sondaxe recollía en maio —trala sucesión— que o PP con Rueda podería acadar un 45,2 % dos votos mentres outorgaba un 24,8 % ao BNG e un 18,3 % ao PSdeG, ao tempo que o espazo rupturista se movería no 5 %. Deste xeito, o PP estaría en condicións de seguir disputando a maioría absoluta, e o BNG vería aumentar ata os 6,5 puntos a súa distancia sobre o PSdeG, que caería en votos con respecto ás autonómicas do covid.

Moitos electores conservadores do PP de Feijoo desexaban a continuidade do seu Goberno e das súas políticas, mais a todas luces resulta rechamante que Rueda manteña o Goberno galego na súa totalidade. Non é o habitual na política comparada. A máxima da continuidade impediu novos impulsos, novos folgos, novas caras. Así, Feijoo foise, pero segue estando, tamén porque vai protagonizar un calendario electoral no que as xerais serán anteriores ás autonómicas. E nas xerais xogarase tamén o futuro político e electoral de Galicia.

Cómpre dende a esquerda reflexionar sobre esta realidade para gañar o futuro. Que a sucesión se fixese sen rasguños electorais substanciais para o PP logo de que Feijoo abandonara Galicia implica que se desaproveitou o que debera ser un punto de inflexión nas dinámicas electorais. Tanto para descabalgar ao PP do seu apoio maioritario como para mudar a correlación nas forzas de esquerda, parece que foi unha irrepetible oportunidade perdida. Agora, as opcións de cambio xogaranse por puntos no día a día do xogo político habitual dunha lexislatura que acaba de superar o seu ecuador.

Sabemos que unha maioría progresista é posible en Galicia, pero tamén que a coordinación e mobilización dese electorado non é sinxela en autonómicas e que a dinámica política corre o risco de polarizarse entre dúas forzas. Por iso, a alternativa progresista debe construírse dende unha esquerda sen complexos, que non evite os debates coa dereita galega e que amose un proxecto galeguista sólido para o futuro do país. Non renuncio á esperanza sabendo que cómpre estratexia, sinerxía e acción. Moita acción. Ese é tamén o desexo de tantos votantes progresistas. Como dicía Barack Obama, «a esperanza é esa forza dentro de nós que insiste en que nos agarda algo mellor se temos a coraxe de loitar por iso».


Comentar