«Gorbi»: o ruso que nos caía ben
Opinión
03 Sep 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Ao contrario que Vladimir Putin, Mijail Gorbachov, europeísta convencido e declarado, sempre mantivo uns elevados índices de popularidade en Europa e no mundo en xeral. Tamén, ao contrario que Putin, era tremendamente impopular no seu país, en Rusia, como se desprende dos resultados das eleccións presidenciais de 1996, nas que, a duras penas, obtivo o 0,5 % dos votos.
Unha mostra máis desa impopularidade ven a ser o desprezo que amosa o actual Goberno ruso pola súa figura ao negarlle un funeral de Estado ao primeiro e único presidente da URSS.
Cando, despois do intento frustrado de Yuri Andropov, a quen Os Resentidos dedicaran unha canción, aquel rapaz de 56 anos chamado Mijail Serguevich Gorbachov veu a substituír á momia de Konstantin Chernenko, un raio de esperanza alumeou o mundo.
Para os occidentais parecía ser o home destinado a desarmar «o imperio do mal», mentres que o seu propio pobo albergaba esperanzas de liberdade e prosperidade.
A mesma omnipresencia da súa inseparable Raisa converteuse no símbolo e imaxe dun novo amencer para os pobos de detrás do Pano de Aceiro.
Mentres, en Galicia especulábase, seica sen fundamento algún, coa súa posible orixe valdeorresa, tal e como recollía un diario local de Ourense.
O papelón con que se atopou Mijail Serguevich non era doado de interpretar: o fracaso en Afganistán non era máis que a punta do iceberg do colapso dun sistema. E, por riba, tiña diante a uns Estados Unidos aos que Ronald Reagan estaba dando un novo pulo.
Nesta situación, podía ter copiado de seu colega chinés, Deng Xiaoping, quen se limitou a transformar as estruturas económicas, sen tocar as políticas.
Seguindo o exemplo chinés, podería ter encamiñado a seu pobo cara unha senda que o conducise a unha opulenta escravitude, como a que gozan actualmente os chineses.
Pero Gorbachov non se quixo limitar á perestroika, ou transformación económica da URSS, senón que avanzou na transformación política, encarnada inicialmente pola glasnost ou transparencia. Aínda foi máis aló, e pretendeu modificar os hábitos de consumo de alcohol, o que probablemente lle granxeou boa parte da súa actual impopularidade, e habería que estudar se foi esta a causa da súa inimizade con Boris Yeltsin.
Bromas aparte, o seu proxecto transformador da sociedade soviética atopou detractores, tanto entre os que pensaban que ía demasiado lonxe, sobre todo entre a nomenklatura, como entre os que pensaban que se quedaba curto.
Neste ambiente de maior transparencia e liberdade rexurdiron as ansias nacionalistas, sobre todo nas repúblicas bálticas, o que contribuíu a tensar aínda máis as relacións cos apparatchik e conduciu irremediablemente ao intento de golpe de Estado de agosto de 1991.
A partir dese momento, Gorbachov nunca recuperou o poder, e tivo que asistir ao irremisible ascenso de Yeltsin. O resto é historia que todos coñecemos, pero que aínda que sexa coñecida nos despexa as dúbidas, polo menos as miñas, sobre o por que de atribuírlle a Gorbachov a culpa da disolución da URSS, como fan Putin, Duguin e a meirande parte do pobo ruso, e non a Yeltsin.
Foi Boris Yeltsin quen, saltando os resultados do referendo de marzo de 1991 en favor do mantemento da URSS, impulsou os acordos de Belovezha, de decembro do mesmo ano, que significou a desintegración da URSS. Esta desintegración foi aproveitada polas repúblicas bálticas, pero tamén polos demais sátrapas rexionais, que vían así colmadas as súas aspiracións ao adquirir a categoría de xefes de Estado.
Copiando, quizais, a Clavero Arévalo e Adolfo Suárez, houbo tamén na URSS un «café para todos» que, neste caso, supuxo a súa desmembración sen seguir outros criterios que as artificiais fronteiras creadas, con motivacións puramente políticas, por Lenin e máis tarde Krushchev. Daqueles polvos, estes lodos!