La Voz de Galicia

«Chemtrails»

Opinión

Gaspar Méndez Economista. Profesor de Xeografía e Historia no IES Lucus Augusti de Lugo

04 Oct 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Ata o pasado mes de agosto, para min, os chemtrails formaban parte da «teoría da conspiración». Pero cando puiden ler na páxina web da propia Axencia Estatal de Meteoroloxía que «na actualidade máis de cincuenta países levan a cabo modificacións artificiais do tempo» xa non había teoría de conspiración que se soportase. Xa ningún fact checker me pode dicir que ando a sementar bulos. Aí, na páxina web oficial dunha axencia estatal, está publicado un longo artigo sobre as estelas de condensación, estelas químicas ou chemtrails, que con tales nomes se coñece a esas densas estelas que soltan os avións, cargadas de produtos químicos como o ioduro de prata, e destinadas, segundo a Aemet, a «incrementar modestamente a precipitación», «reducir o tamaño da pedra e os danos ocasionados» e «dispersar a néboa localmente».

 

Eu pensaba que os chineses eran capaces de calquera cousa. Xa a principios dos sesenta do século pasado, Mao ordenou exterminar aos pardais porque comían o gran, e case o consegue. Comían o gran, pero tamén os insectos. Así eses anos China tivo unhas colleitas paupérrimas que provocaron fame e mortaldade.

Se foron capaces de matar os pardais, e se tratan á súa poboación como escravos, podía ser certo que andaran a modificar o tempo, e mesmo o clima, pero non pensaba eu que os civilizados europeos e americanos puidésemos estar metidos nesas lerias.

Así as cousas, o pasado 17 de setembro puiden comprobar por min mesmo como se facía un chemtrail. Como diría Cunqueiro, comprobeino «por anteollo e por empírico». Amenceu un día sollío no val do Valcarce e, sobre as oito da mañá, xa estaba eu sacando as cebolas na horta, cando vin que empezaban a pasar avións que deixaban unhas longas e densas estelas. Pasaba un, e outro, e outro máis, todos en paralelo (quizais fosen o mesmo) e, de vez en cando, pasaba outro en perpendicular. Como digo, todos deixaban longas estelas que non se disipaban, agás un que, como é habitual, deixou unha que se disipou ao pouco tempo. Quizais este fose un avión comercial. O caso foi que, en menos dunha hora, o val estaba cuberto dunha fina capa de nubes.

Non deixa de ser sorprendente que, nesta época na que tanto se está a falar da acción antrópica sobre o clima e o quecemento global, os poderes públicos anden a tolerar, ou realizar directamente, estas accións. É posible que as estreitas mentes dos nosos dirixentes funcionen baixo as premisas dalgunha teoría de equilibrio parcial, que non ten en conta todos os posibles efectos das nosas accións sobre o medio, senón só as inmediatas.

Igual deberían abrir esas mentes e funcionar baixo teorías de equilibrio xeral, como a que formulou, xa no século XIX, Léon Walras; matematizada despois por Debreu e Arrow, polo que levaron o Nobel de Economía, e aínda máis pulida por Andreu Mas-Colell, que a piques estivo de chegar ao Nobel, pero que rematou como conseller de Economía de Artur Mas.

Deberían saber os nosos dirixentes que «o movemento dunha folerpa de po altera a orde do universo».


Comentar