La Voz de Galicia

Cantos de serea

Opinión

Llerena Perozo Porteiro Ecofeminista. Socia de A Gargalleira, proxecto agrocultural

13 Oct 2022. Actualizado a las 05:00 h.

A factoría Disney, ese imperio da ficción, vén de presentar a nova interpretación do conto da serea Ariel. Unha historia que viu a luz en forma de debuxos animados alá polo ano 1990, engrosando o catálogo de princesas Disney, e que xa era unha revisión suavizada do clásico de Hans Christian Andersen. Na película de animación globalmente coñecida, xa un clásico, Ariel é branca, ten os ollos verdes e loce unha densa melena roxa. No novo filme, esta vez con imaxe real, a protagonista é negra e peitéase con trenzas. Braman as opinións. Hai xente que non quere que o «politicamente correcto» interfira na construción estética das súas iconas de toda a vida. Porque, si, trinta e dous anos son toda a vida de moitas persoas. Porén, alén da estéril, racista, chocante e moi preocupante polémica acerca da raza da pequena serea, subxace un fondo narrativo que fica, permítanme a chiscádela, sen aboiar na mentalidade colectiva. O problema coa historia de Ariel, o príncipe Eric, o rei Tritón e a bruxa Úrsula non é a cor da pel. É, seguindo coa semántica mariña, o fondo. Invisible e con pozas. A de Ariel é unha historia de amor a simple vista, absolutamente idealizado, na que unha adolescente fica subxugada polo príncipe azul e é quen de renunciar a todo por mor do ideal romántico. Unha nena que abandona toda a súa identidade (e tanto ten para o caso que esta fose branca, negra ou oriental) para converterse na muller acaída para o tal príncipe. Ariel renuncia ao seu corpo e consegue modificalo para que se adapte ao del, mudando a cola por pernas e pés (cabe supoñer, en boa lóxica, que tamén por entreperna) e, o máis simbólico, á súa voz. É ben sabido que a voz das mulleres non importa. Molesta. E que os cantos de serea só procuraban o naufraxio dos mariñeiros, como nos aprenderon aquel tal Homero e o seu Ulises. Logo, baixo a máscara da política inclusiva, os grandes piares do machismo, da desigualdade real, seguen a gobernarnos sen seren, sequera, avistados pola sociedade, que non valora a capacidade de modelado cultural, emocional e ideolóxico dunha inmensa e reaccionaria fábrica de ideas como é a Major americana. A historia de Disney, como non, ten final Disney. E viviron felices para sempre xamais. A de Andersen remataba co príncipe casando cunha muller real, o seu verdadeiro amor, e o suicidio da serea. Un nada feliz final que, tristemente, segue a ser moito máis realista do que queremos ou somos quen de ver.

 

 


Comentar