Granada, arriba e abaixo
Opinión
22 Oct 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Polos outeiros enfrontados de Granada, suando ao subir ou relaxados ao baixar, pasamos o día a mergullarnos nas estancias nazarís da Alhambra e a deambular polas calellas do Albaicín, a cidade dos zirís, un urdido de luces e sombras que deixa albiscar como ao axexo o perfil do alcázar na ladeira oposta, coas súas torres e celosías, entre os olores e sons da auga nas fontes e regos, co verde vivo que se desborda sobre as tapias. Desde os altos da alcazaba ou de San Miguel ábrense diante de nós os leitos do Darro e o Genil e, ao fondo, a inmensa Vega cercada polas Serras orientais, embazada pola contaminación do intenso tráfico.
Entramos como turistas na primeira quenda da inescusable visita aos palacios dos reis de Al-Andalus. Asáltanos unha pregunta: que é o que estamos a ver, falsos históricos? É sabido que, despois do abandono no século XVIII e a destrución parcial no XIX durante a guerra do francés, o conxunto foi sometido a un intenso proceso de reconstrución e restauración. A riqueza dos artesoados, a vibración dos mocárabes, coloridas estalactitas dunha xeometría perfecta refeitas na súa maioría, demóstrannos que diante do reflexo especular daquela historia construída somos quen de emocionarnos unha e outra vez, sen esixir garantía de autenticidade, suspendidos baixo a bóveda do universo nunha estancia de tránsito cara ao eterno. Estes apousentos lémbrannos o límite da existencia e, ao mesmo tempo, convidan a permanecer extáticos.
A reserva anticipada con numerus clausus, a cola paciente que dá vagar á sociabilidade, un horario e un percorrido estritos, son o protocolo necesario para admirar o patrimonio sen lesionalo. Pero, unha vez dentro, non hai límite á permanencia dos visitantes e, a medida que o día avanza, aumenta a aglomeración e rómpese o encantamento. Aparentemente alleos a todo, discretos equipos de xardineiros e albaneis van aplicando os coidados necesarios. Esa atención exquisita imponse, contribuíndo á actitude xeral de respecto.
Todas estas reflexións están presentes nun foro público sobre patrimonio e paisaxe promovido pola Fundación Arquitectura y Sociedad, que preside Patxi Mangado, coa colaboración da Universidade e o Colexio de Arquitectos de Granada. A cidade está comprometida na revisión do seu plan xeral, arestora na fase de avance. De aí esta convocatoria, porque nesa fase se establece a filosofía constituínte do plan, da conservación, da remodelación e da expansión da cidade histórica e da urbe contemporánea.