La Voz de Galicia

Santiago

Opinión

Xosé Carlos Caneiro

27 Oct 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Tiña trinta e seis anos. Dous fillos. O pasado venres encontraron o seu corpo. Estaba dentro da avioneta que pilotaba. Dous días desaparecido e a angustia, que é unha navalla, camiñaba lenta nos recantos dos noticiarios. Subín ata á Gudiña. Alí se concentraba o operativo, esa palabra temible, que andaba na procura de Santiago Durán. Avancei. As paisaxes da Pena Trevinca son un espello de Nós: resistentes. Encolerizábanse co ceo. As nubes negras miraban os cumios dos montes. Tristes. Aquela tarde non falaban. Nin escribían, lambonas, poemas de amor que só escoitan os fantasmas. Perdidos. Camiñantes de ningún camiño. Habitan o silencio cando o silencio, e as súas noites, lamben as abas de Trevinca. Pensei que a vida non vale nada. E vale tanto. Pensei nos dous fillos de Santiago. E pensei, como un alalá, en todo o que en verdade importa. Mentres os mercados nacionais e internacionais intentan desprenderse da inflación e da guerra, escuramente, Santiago caía fronte a tormenta. É difícil encontrar unha explicación. Aínda que os medios técnicos (outro operativo) encontraron as razóns exactas da tristeza. Parece mentira. A desolación pode medirse en milibares, lóstregos, correntes, aires singulares e feroces. Cando soubemos que por fin encontraran o corpo sen vida de Santiago, o castelo de Monterrei chorou choros de chuvia, como ladridos. O horizonte tornouse gris, máis gris, case negro. Detrás de min, os libros. As mans leváronme a Vallejo: «¡Y si después de tantas palabras, no sobrevive la palabra! ¡Si después de las alas de los pájaros, no sobrevive el pájaro parado! ¡Más valdría, en verdad, que se lo coman todo y acabemos!». Talvez me escoitou. Entre as nubes, Santiago.


Comentar