La Voz de Galicia

A lección do Prestige

Opinión

Víctor F. Freixanes

13 Nov 2022. Actualizado a las 05:00 h.

A marea humana, a inmensidade solidaria que encheu a costa toda e que chegaba de todas partes do mundo, como unha voz que toca arrebato, como as vellas campás das parroquias da aldea que, diante da catástrofe, mobilizaban a xente por riba de diferenzas e a prol da tarefa común, que neste caso era salvar o mundo, ou intentar salvalo da peste negra que nos acosaba. Esa foi a gran lección do Prestige, a que merece ser recordada agora.

Vinte anos despois segue viva a memoria. Case oitocentas praias segundo as cifras oficiais. Máis de cincocentas en Galicia. Dous mil quilómetros de costa. Ata Francia chegou a marea! Mais hai estampas que non se irán nunca de nós. Os voluntarios (eles e elas) dobrados sobre o areal, apañando as bolsas de chapapote. Galletas, dicían algúns. Bolachas. Desfacíanse na area como delgados tentáculos, como se tivesen vida, xigantesca criatura que o estragaba todo. Setenta e sete mil toneladas de fuel. Estampas que non se esquecen. Os dous mariñeiros do mar da Arousa, por exemplo, fotografados por Vítor Mejuto para as páxinas de La Voz, embarcando o monstro a bordo da gamela coas mans, a falta doutras ferramentas, aquela inmensidade pezoñenta.

«A vida está no laño», dicía a xente das rías. «Se esta peste entra no laño temos a morte segura». O laño é a fenda que abre o mar nas rochas. Alí é onde cría a vida, a fartura do que ha de vir e multiplicarse. Protexer o laño era protexer o futuro, gravemente ameazado. E todo sen apenas axuda nin ferramenta. Cantos voluntarios? Chegaban de todas partes e aloxábanse onde podían: casas particulares, instalacións improvisadas, agras, alboios, palletes, tendas de campaña, calquera lugar servía para descansar unhas horas e volver á area ao día seguinte. Como esquecer aquela inmensa marea: os capachos, as máscaras para protexerse do bafo fedorento que abrasaba, os angazos que poucos meses antes traballaban a ameixa e agora escabichaban para apañar chapapote. Canto máis chapapote apañaban, máis aparecía. En todas partes! Mesmo entre os dedos, e debaixo da pel, por máis auga a xabón que lle deses.

Os xornalistas que demos conta daquel suceso nunca poderemos dicir que estivemos á altura do que o relato demandaba. Dos políticos mellor non falar. Foi un espectáculo moi triste. A gran épica daquelas semanas, daqueles meses todos, dende decembro ata ben andado o verán, e aínda despois, pois a marea durou mentres durou a peste que xurdía de debaixo das pedras cando parecía que estaba acabada, a gran épica, digo, case mellor a gran lección política, protagonizouna a xente do común, en primeiro lugar os paisanos, que vían ameazada a vida, mais tamén esa marea de solidariedade que se achegou a nós de tantos lugares distintos e fixo súa a nosa causa. Os xornalistas gardamos historias, fotografías, anécdotas, recordos... Aínda así, non estou seguro de que acertásemos a describir coa lucidez necesaria tamaño acontecemento.


Comentar