O boxeo coma deporte e a modernidade
Opinión
18 Nov 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Era comezos da década dos 80, a época da modernidade. Serían os anos da internet, do primeiro pecé. Derrocáronse nese tempo varias ditaduras, os artistas semellaban máis libres ca nunca... Na música Michael Jackson sorprendía co seu estilo persoal.
O anterior adoita considerarse prehistoria.
A década brillaba por si soa, criámonos invencibles. Tanto, que ata aprendemos a coidar máis do noso corpo. Jane Fonda e Eva Nasarre dábannos directrices para manternos en forma desde casa.
Porén, algúns destes considerados deportes serían fonte de desgraza. Un deles foi o boxeo. No ano 1982, Ray Mancini buscaba revalidar o título de campión do mundo ante Deuk-Hoo Kim, quen ofrecería toda a súa resistencia. El tamén desexaba o maior dos recoñecementos.
Levaban trece asaltos. Só quedaban dous, pero o penúltimo durou pouco. Mancini golpeou o seu rival, facéndoo caer. Ergueuse. Semellaba que só o corpo estaba presente. Non respondeu ao que lle dicían e derrubouse de novo. Aos poucos días, morreu nun hospital. Tres meses despois, súa nai quitouse a vida. Pasaron un par deles máis ata que o árbitro do devandito combate fixera o mesmo.
A Mancini chamábanlle Boom boom, era o rei do boxeo. Pero, por mor da agresividade permitida nese deporte, os corazóns de varias persoas deixaron de facer boom-boom.
Foi hai corenta anos. A traxedia fixo recapacitar e reformular as regras do boxeo, protexendo os combatentes. Tería sido mellor prevelo antes. A verdadeira modernidade ten que camiñar por esta vía.