Xenofobia en Italia, masacre en Melilla
Opinión
18 Nov 2022. Actualizado a las 05:00 h.
As noticias que chegaron de Italia estes días pasados, coa negativa do Goberno presidido por Ángela Meloni, do partido Fratelli d'Italia (ultradereita ou postfascista, segundo quen opine) a desembarcar a migrantes rescatados nas augas do Mediterráneo foron a crónica dunha calamidade anunciada. A negativa ao desembarque de náufragos recollidos polos barcos Humanity 1 (da oenegué alemá SOS Humanity) e Geo Barents (fletado por Médicos sen Fronteiras), atracados en portos do sur de Italia, é un exemplo de actuación miserable e xenófoba.
Ademais, estas non son as únicas naves con náufragos rescatados. Hai outras dúas á espera de autorización: o buque Rise Above, da oenegué alemá Mission Lifeline, con 93 inmigrantes, capitaneada polo español Marco Antonio Martínez, e por outro o noruegués Ocean Viking, de SOS Méditerranée, con 234 inmigrantes. Catro embarcacións con tripulantes aos que diriximos os maiores eloxios e recoñecementos. Lembremos que as leis do mar obrigan a calquera barco a recoller ás persoas que viaxen nunha nave en perigo de naufraxio; e que todos eles deben ser desembarcados no porto máis preto do país en cuxas augas territoriais tivese lugar o rescate.
Todo isto adquire tinturas xenófobas cando pensamos que os migrantes indocumentados son na súa maioría africanos (magrebíes ou subsaharianos), e polo tanto de pel escura ou negra... mentres que os países europeos —e Italia entre eles— abriron este ano 2022 as súas portas sen límite para acoller aos centenares de miles, millóns, de ucraínos —so si, louros e de ollos azuis— que fuxían da invasión rusa.
Pero unha enfermidade similar —xenofobia— está azoutando España, co sucedido en Melilla a finais de xuño, onde morreron máis de 40 persoas na fronteira con Marrocos, unha masacre en toda regra, e que tras as imaxes proxectadas hai pouco pola BBC está poñendo contra as cordas ao ministro do Interior, Marlaska. Lembremos que o actual Goberno, presidido polo socialista Pedro Sánchez, cando chegou ao poder decidiu en xuño de 2018 acoller aos 600 náufragos que rescatara o Aquarius, e que Italia, por orde do ministro do Interior, Matteo Salvini (por certo, con xuízos pendente por actuacións similares), se negara a acoller.
Visto o visto, aquel acto humanitario de Sánchez do 2018 só pode cualificarse de postureo. Fan falla explicacións do sucedido en Melilla. É o que piden Ángel Gabilondo, Defensor do Pobo, e a sociedade española, sobre todo para que non se repitan esas mortes de persoas inocentes.