Aesia en Galicia
Opinión
13 Dec 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Boa noticia por fin para Galicia dende Madrid. A concesión da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) para A Coruña supón un éxito no que reparar. En primeiro lugar, porque coloca a Galicia cun pé no futuro tecnolóxico e industrial; e viña facendo falta desde que a reconversión industrial capou o noso pasado industrial hai catro décadas. Despois de todo ese tempo é a primeira decisión do Estado que axuda a paliar aquela inxustiza histórica da que segue habendo secuelas na ría de Ferrol ou na de Vigo. Non foi sen tempo. Todo o éxito industrial galego dende entón, do que Inditex é o mascarón de proa, fíxose pese, mesmo contra, as decisións do Estado.
En segundo lugar, supón un éxito da estratexia das tres universidades e máis do ecosistema galego de TIC, á hora de cooperar estratexicamente para lograr ter a Aesia, superando algúns intereses particulares que houberon de levar a rifar entre localidades. Os tres reitores, que loxicamente tiñan interese por colocar a axencia perto dos seus campus, optaron por pórse de acordo sen retesías, rendendo un bo servizo ao país. Coñecendo ás universidades, de certo que non debeu ser doado, porque as tres teñen obxectivamente un bo nivel en TIC e IA, con perfiles relativamente especializados. Pero tamén agochan no seu interior unha certa voracidade que, por exemplo, levou a clonar o ano pasado tres títulos de grado en IA na oferta das tres universidades galegas. Cando tantas veces se chama a atención sobre o contrario —a maioría inxustamente— compre recoñecer o mérito universitario nun asunto que non foi doado de xestionar. Certo que a Coruña é quen pode ficar máis leda pero sen A USC e a Universidade de Vigo ese éxito sería imposible. Cooperar ás veces é necesario e neses casos cómpren institucións que o fagan posible. Pór a Galicia por diante e saber explicalo foi o que fixeron neste caso os reitores Abalde, López e Reigosa.
Antes de aceitar a senda da cooperación para lograr unha candidatura única galega, houbo unha disputa pública pouco edificante na que dende Santiago e dende Ourense cismaron con pouco xeito. Menos esperable no caso de Santiago con alcalde socialista, como a da Coruña, que no de Ourense, cun alcalde en permanente circo Ouxit. Tal como reclamaba estes días Emilio Pérez Touriño falando do seu partido, ao cabo impúxose unha idea de Galicia fronte ao rancio e estéril municipalismo de campanario que tanto gusta a eses socialistas que nunca pensan en gobernar a Xunta.
A Aesia na Coruña tamén foi un éxito para o Goberno de Rueda que a base de non tomar ningunha decisión —como adoita— logrou que acontecera o que era mellor pola vía de favorecer unha decisión técnica a prol da Coruña como candidatura galega. Calquera decisión técnica en democracia tamén é —e debe ser— política e se a Xunta favoreceu un bo proceso de escolla, o PSdeG pode atribuírse un éxito que beneficia ao seu secretario xeral e á alcaldesa da Coruña, en vésperas electorais.