La Voz de Galicia

E para voleibol... Lugo!

Opinión

Xosé María Torres Farmacéutico y miembro de Farmamundi

25 Jan 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Si, xa sei que aquel lema que publicitaba o bo xantar da cidade lucense comezaba por «e para comer...!», pero eu traslado aquel eslogan ao mundo do deporte, do voleibol en concreto, para focalizar un fenómeno social que acaba de cumprir 40 anos: o club de voleibol Emevé, con dous equipos nas superligas estatais masculina e feminina, algo único no panorama estatal.

 

O club foi fundado polos irmáns Bouza, fillos dun matrimonio formado por Federico Bouza, profesor no instituto de Lugo, e Lolita Betriu, unha catalá de Oliana, no Pireneo de Lleida. Os pais, cos seus seis fillos, acudían nos anos 70 cada verán a Mazorgán, na beira oriental da ría de Ortigueira, todos amontonados nun destemido Renault 8 pilotado pola súa nai, afeita a recorrer Galicia coa representación de Valira e Taurus, fabricantes catalás de pequenos electrodomésticos.

Alí, na recóndita praia do Bimbieiro, entre salitre, area e suor, comezaron a xogar, cunha ocasional rede de pesca, ao voleibol, pasando as tardes entre saques, recepcións e mates naqueles veraneos de tres meses que había antes. Un día de 1983, en Lugo, deciden fundar un club, por nome Emevé, siglas eufónicas de curioso significado. Todos os irmáns —dous mozos e catro rapazas, unha delas licenciada en INEF— colaboraron no empeño: entrenando, xogando ou animando, un conxunto excepcional!

Pouco a pouco van subindo categorías, ampliando a canteira (agora recoñecida como a mellor de España) e acadando trunfos. O Pavillón Municipal de Lugo é hoxe un fortín, e ata os potentes equipos canarios treman ao visitar a cidade bimilenaria. Pero non todo son glorias; tamén houbo crises e momentos tristes, como o accidente en 2009 do microbús que retornaba a Lugo co equipo feminino desde o aeroporto de Santiago, co tráxico resultado de tres rapaciñas mortas na flor da vida.

Hoxe o club, co patrocinio dunha cadea de perfumerías lucense, está presidido por Bibí Bouza, a máis pequena dos irmáns, unha muller xenerosa e loitadora que, alén do seu traballo como profesora de inglés nun instituto da cidade, se dedica en corpo e alma a un equipo que nutre de xogadoras as seleccións españolas de calquera categoría, pero que sobre todo é un exemplo de constancia e superación. Hai poucos días o equipo celebraba os seus catro decenios xuntando nunha foto aos seus 400 deportistas —nunha cidade de menos de 100.000 habitantes—, uns 35 equipos de todas as categorías, algo impresionante. Gloria ao Emevé!


Comentar