La Voz de Galicia

As nenas non queren ser princesas

Opinión

Inma López Silva

19 Feb 2023. Actualizado a las 05:00 h.

«Eu ás veces preferiría ser neno», di unha rapariga de 2º de primaria vestida cunha saia de abelorios dándolle aire á melena. «Por que?», pregunta a activista LGTBI+ que foi facer un obradoiro á escola e conta a anécdota. «Porque os nenos pásano mellor ca nós»; e engade: «Eles fan o que queren». Esa nena, ademais de parecer posuída polo espírito de Simone de Beauvoir, debeu aprender o himno sobre Madrid de Sabina: as nenas dos oitenta xa non querían ser princesas mentres os nenos perseguían o mar nun vaso de xenebra. Poucas cousas mudaron: quen quere ser muller se che furan as orellas, te visten con roupa incómoda, che mandan calar, cobras menos, te violan e te matan? A nena é lista: non é que non queiramos ser princesas, o que non queremos é ser tías.

 

A libre autodeterminación de xénero que, felizmente, se aprobou á fin, propón precisamente o reto das mozas que se debruzan sobre o abismo beauvoiriano: facerse muller é un camiño cheo de horrores e perigos. Como afrontar que as nenas non queiran facerse mulleres? No medio da tormenta adolescente, distinguirán o medo da verdade? E máis aínda: iso importa? Obviamente, despois da patética división do feminismo provocada por un insensíbel erro de cálculo tan histórico coma as socialistas que o protagonizaron, o asunto debe ser afrontado fóra dos debates absurdos sobre que o que implica engrosar ringleiras femininas ou acceder a un vestiario para persoas con vulva. O debate confróntanos coa nosa gran vergoña: as feministas non logramos aínda que facerse muller sexa un feito normal, tirando a inocuo. Ese é o verdadeiro problema, non a libre autodeterminación de xénero. Aquelas que se definan mulleres optarán polo camiño máis duro. Pero as comadres abrazarémolas.


Comentar