La Voz de Galicia

A merda dun burro

Opinión

Cristina Sánchez-Andrade Escritora, premio Julio Camba

20 Feb 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces, teimamos en destruír o que máis amamos. Un acorda un día e sente que o tempo se lle escorre das mans, e que xa non queda moito. Sente tamén que, se a súa vida non funciona e non é como a imaxinaba, é por culpa doutro. É o que lle acontece a Colm, un dos personaxes do magnífico filme irlandés As almas en pena (The banshees of Inisherin, do angloirlandés Martin McDonagh). Da noite para a mañá, este home xa non desexa continuar a ser amigo de Padraic porque precisa de pasar o tempo que lle resta a pensar e a compor música, e non a ouvir a leria que sae da boca do seu amigo. Cando este lle di que non é leria mais conversa da boa, Colm ponlle un exemplo: «O outro día botaches dúas horas, dúas horas!, a falar das cousas que atoparas ese día na merda do teu burro».

 

Ao longo do filme debátese entre o desexo de Padraic de recuperar a súa amizade e a necesidade de Colm de dar cabo dela. Tan teimoso fica o primeiro, que Colm o ameaza con que se lle volve a dirixir a palabra cortará un a un os dedos da man: «O que decidín facer é o seguinte —dille—. Teño unhas tesoiras na casa e, cada vez que me amoles, collereinas e cortarei un dos dedos con elas, e dareiche ese dedo, un dedo da miña man esquerda, co que toco violín, e así até entrares en razón e deixares de me falar, ou até non me ficaren dedos». O divertido (e macabro) da longametraxe é que o fai. Padraic segue a implorar amizade ao seu amigo e este, farto de que lle dirixa a palabra, corta os dedos, un a un, e lánzallos á porta da súa casa.

O espectador sofre e ri, mais acho que ante todo se dá conta de que probabelmente o parvo de Padraic e a súa leria que non leva a ningures eran o mellor que tiña Colm. Que se a súa vida era un tedio e non había conseguir deixar nada en herdanza á humanidade, como di en certo momento, non é por culpa do seu amigo. Un sae do cinema posuído da intuición de que a vida, como dixo John Lennon, «é iso que pasa mentres estás ocupado a facer outros plans», e que, se callar, o mellor que ten é eses intres en que botamos dúas horas a falar das cousas que achamos na merda dun burro.


Comentar