La Voz de Galicia

García-Bodaño, memoria dunha obra sempre viva

Opinión

Ramón Nicolás

08 Mar 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Souben, na Biblioteca Penzol, do seu falecemento. Estou certo que un lugar que non é como outro calquera para coñecer un noticia lutuosa deste carácter e que, por iso, sempre recordarei. O seu adeus significa a desaparición dunha voz poética esencial para a literatura galega dos últimos sesenta anos.

Sospeito que, ao contrario das máis das persoas que gozaron do seu trato —eu tíveno de maneira circunstancial en cinco ou seis ocasións, sempre grato e afectuoso comigo, no que mantivemos moitas complicidades sobre todo nas figuras dos poetas Manuel Luís Acuña ou Celso Emilio—, cheguei a Salvador García-Bodaño como lector da súa prosa e sospeito que por razóns cronolóxicas. Como tal fascinoume un libro de relatos que publicara en 1992 en Galaxia, Os misterios de monsieur D'Allier, prologado por Darío Villanueva. Lembro que recensionara o libro, xa non sei en que soporte, e que me chamara poderosamente a atención a dedicatoria, que cifraba nestas significativas palabras: «Ás sufridas xentes do meu país, tan gustadoras de contos» e que revelaban máis do que en primeira instancia pode semellar. Foi este, é este, un volume dunha prosa magnífica onde a Compostela máis atemporal adquire un papel protagonista grazas a un feixe de contos que, fusionando o máxico e o cotián, se abrazan entre si por un intento de apreixar, ou explicar, o propio paso do tempo, pero non só pois aquí latexa unha invitación a reflexionar sobre a beleza, a morte e o amor cunhas historias marcadas pola presenza de incribles prodixios e portentos.

Anos despois cheguei á súa poesía, da que este libro ao que me referín ben se pode entender, dalgún xeito, como unha extensión tanto do seu Tempo de Compostela como de Ao pé de cada hora. Tiven a fortuna de preparar ambos os dous títulos de Salvador García-Bodaño para a súa publicación anotada no seo da colección Biblioteca das Letras Galegas, de Edicións Xerais, nunha edición magnífica a cargo de Iria Sobrino no que, hoxe por hoxe, creo que é o estudo máis completo e suxestivo destes dous grandes libros de poesía.

Nestes libros é incuestionable a súa filiación existencialista, a pegada elexíaca que desprenden, a vinculación natural de moitos poemas coa lírica clásica amorosa mais tamén son poemas dunha voz que sabía modularse, cando cumpría, para adoptar outras tonalidades críticas nas que tamén foi mestre, como en tantas outras cousas.


Comentar