Unha cidade sobre un arrecife de coral
Opinión
13 Mar 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Cartaxena de Indias, a xoia colombiana do Caribe, parece estar asentada sobre un antigo arrecife de coral. E digo parece porque a información xeolóxica que consultei non o deixa claro. Pero si é evidente que formacións petrificadas de coral asoman por todas partes. As murallas que encerran o centro antigo están formadas por bloques de coral petrificado nos que se distinguen claramente as estruturas coralinas. Algúns edificios teñen columnas que son bloques de coral, moitas casas antigas, baixo unha capa superficial de xeso, teñen paredes nas que pode verse as mesmas formas dos arrecifes que aínda seguen vivos. E baixo a area do mar pódense atopar anacos preciosos de coral duro que deben deixarse alí, por protección da natureza e porque se caes na tentación de levarcho podes ter problemas no control de equipaxes. Os edificios do centro histórico teñen, ademais, nos seus balcóns, unha vexetación exuberante con buganvíleas e plantas exóticas que desbordan cara a rúa. Ou sexa, unha beleza.
A parte mala, e desgraciadamente inseparable, é que hai demasiada xente, demasiado ruído e demasiado lixo. Nós fixemos un percorrido por mar, nadamos sobre arrecifes de coral vivos, en augas dun azul marabilloso, pero había tantos barcos que se corre o perigo de que che atropelen. E créanme que non esaxero. E nas praias hai demasiada xente, todos gritando como posesos, bebendo metidos na auga, sen preocuparse de recoller os vasos de plástico que acaban caéndolles. E no centro da cidade a esmorga e o balbordo prolónganse ata o amencer.
En 1984, Cartaxena de Indias foi declarada patrimonio histórico e cultural da humanidade, pero como non poñan coto a ese exceso de turismo, o paraíso azul acabará sendo un recordo.