La Voz de Galicia

Ela dixo adeus

Opinión

maría Canosa

22 Mar 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Joana estaba namorada do seu marido, un home que sempre a soubo acompañar e apoiar cando ela o necesitaba, un home atento que, lonxe de afogala, a axudou a medrar. Ou iso lle parecía a ela, que se sentía incrible ao verse reflectida nos ollos del.

 

Pero unha noite, ese mesmo home foi a unha discoteca. Ocorreu entón que unha moza que coincidiu con el acusouno de violación. Seguiuse o protocolo pertinente para estes casos. A rapaza foi sometida a un recoñecemento médico e as probas pasaron a disposición xudicial.

Joana non podía crer que aquilo fose verdade. Como facelo? Na súa realidade, o seu home sería incapaz de facer algo así. Por iso tomou un tempo para pensar, analizar, reflexionar... visitalo e falar con el. Unha actitude ben razoable.

O tempo puxo silencio e calma no medio. E tamén lle falou ao oído a Joana, que decidiu pechar esa etapa da súa vida ao carón daquel home ao que tanto quixo e aínda quere. Pero, insiste, ámase, respéctase e valórase máis a si mesma.

Se fose unha película, estariamos aplaudindo a decisión de Joana. Mais isto é a sociedade real na que vivimos.

Por iso, non se entende que Joana poida deixar, ante estas circunstancias, a un home que, ademais, é unha estrela do fútbol. Por este motivo o irmán del se permite a licenza de menosprezala publicamente. Porque, Joana, a quen se lle ocorre?

A protagonista deste artigo fixo un comunicado respectuosísimo e moi cariñoso cara ao que fora o seu marido.

Pola contra, todo se volveron puñais cara a ela. Segue a ser inxusto.

Queda demostrado: aínda nos falta moito camiño por percorrer.


Comentar