La Voz de Galicia

Para os lectores máis novos

Opinión

Víctor F. Freixanes

09 Apr 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco que os amigos de Biblos me preguntaban sobre as mudanzas que nos últimos vinte anos viviu o libro galego. Ía escribir «sufriu o libro galego», mais sería inxusto. Dende os anos 80 do pasado século para acó, coas súas contradicións, cos seus altos e os seus baixos, o libro en lingua galega foi construíndo unha realidade obxectiva de títulos e autores recoñecidos dentro e fóra das nosas fronteiras dos que debemos sentirnos orgullosos. Sobre todo, a literatura para os máis novos. Máis da terceira parte da edición e a facturación do libro galego corresponde ao libro dirixido ao público infantil e xuvenil, e o recoñecemento da produción, da creatividade dos autores sobre todo, segue viva. Penso naquel primeiro Premio Nacional de Paco Martín polas Cousas de Ramón Lamote en 1986. E penso agora na iniciativa da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (LIX), que vén de promover a Fina Casalderrey como candidata ao Premio Hans Christian Andersen, en representación das linguas todas do Estado. O Premio Andersen, que se falla dende o ano 1956, é considerado o Nobel deste tipo de literatura. O propio nomeamento debemos consideralo un éxito extraordinario da autora, mais tamén de todos nós.

 

Paco Martín foi mestre, igual que Fina Casalderrey, e igual que Xavier Docampo e Agustín Fernández Paz, por citar algúns nomes especialmente recoñecidos. O maxisterio foi e segue a ser unha canteira marabillosa de autores e autoras dedicados a este xénero, moi difícil pola esixencia do público ao que se dirixen, mais necesario, na medida en que a lectura segue a ser a gran ferramenta para explicar o mundo. Este ano tamén van catro décadas da Lei de Normalización Lingüística, que en gran medida serviu de base para o desenvolvemento deste mundo nos primeiros niveis do ensino. Os libros para os máis novos, con historias que compiten con calquera outra literatura, naceron ao abeiro desta realidade que antes nos estaba negada. Non era o caso da literatura en castelán, nin a literatura francesa, inglesa, alemá, italiana…

O 2 de abril conmemórase dende 1967 o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, en memoria de Christian Andersen, o autor do Soldadiño de Chumbo e o Parruliño Feo. A miña xeración medrou lendo estes libros en castelán. Os meus fillos xa non, afortunadamente. E esta é outra conquista do libro galego nos últimos anos. Volvo á pregunta dos compañeiros de Biblos. Mudanzas? A nova realidade tende a desprazar o libro da primeira liña de acceso ao coñecemento. O audiovisual e as novas tecnoloxías do ocio e a comunicación están a impoñer outras prácticas, outros modelos, que non debe ser incompatibles coa lectura, pero que, se non nos preocupamos dende as familias e a escola por fomentar esta práctica, pode ameazala seriamente. Unha derradeira celebración: a editorial Kalandraka, que dirixe Xosé Ballesteros, especializada neste xénero, vén de facer 25 anos. Naceu o 3 de abril de 1998.


Comentar