La Voz de Galicia

Hai sitio para todos

Opinión

Rosa Quintana Conselleira do Mar

19 Apr 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Se de algo me sinto orgullosa nos anos que levo como conselleira do Mar é do clima xeral de irmandade que, salvo en contadas ocasións, temos logrado proxectar cara dentro e cara fóra entre o sector do mar como verdadeiro exemplo da «Galicia que sabe aMar».

 

Con todo, para entender o que estamos a vivir nas últimas semanas en Galicia entre os sectores do percebe e o mexillón, temos que retrotraernos aos anos 80. Nesta carreira de fondo entre dous sectores cruciais, polo seu peso específico económico pero tamén polo que representan socialmente e como emblema, non debemos perder de vista que nin as bateas estiveron sempre onde están nin a extracción do percebe se realizou nos sitios nos que agora se fai.

A converter estas actividades en sectores produtivos chegamos entre todos porque nos esforzamos en construílos. Con diálogo, con paciencia, con aperturas de novos mercados, con redacción de normas non sempre ben acollidas, con plans de explotación, con épocas de malas colleitas, con épocas de récords en venda, tamén con algunhas friccións; pero sempre —sen excepción— amosando solidariedade e disposición entre as partes e evitando con éxito irregular unha crispación entre ambos que se reaviva ciclicamente en función das circunstancias.

Nos máis de 35 anos da miña vida profesional que levo dedicados a esta consellería e a este sector desde distintos postos de responsabilidade —pero sempre e incuestionablemente co mesmo nivel de compromiso—, véñenme á cabeza nomes de grandes dirixentes que tanto á fronte dos pósitos como das agrupacións de bateeiros souberon entender que non hai maior ferramenta para arar e avanzar que a palabra.

A escaseza de semente de mexillón non é cuestionable, é un feito. Os motivos desta baixada débense a diferentes razóns, algunhas das cales están a ser analizadas desde o punto de vista científico e técnico, que é como se teñen que facer as cousas, pero sen perder a perspectiva de que o cambio de modelo na produción do mexillón, que multiplicou nos últimos anos as colleitas de bivalvos antes de que acaden o tamaño adulto, tamén multiplicou a necesidade dunha semente que tradicionalmente se obtiña principalmente das rochas.

Na cobertura das necesidades derivadas dese cambio de modelo é onde debemos actuar con todas as ferramentas que teñamos á man, e é evidente que esas ferramentas non son nin as pedras nin as pedradas. A verdadeira solución pasa por traballar sen poñer o punto de mira nos escasos 90 quilómetros de costa nos que —tras uns axustes económicos, sociais e técnicos— só se permite extraer percebe. A apertura desas zonas non deixa de ser un parche, non a solución definitiva a un problema produtivo que é preciso atallar doutro xeito, malia que esta campaña, de xeito excepcional e inmediato, fora aberta nunha cuarta parte.

Os ecos dos peores presaxios para o sector produtor de mexillón escoitábanse xa na campaña pasada cando, paradoxicamente, se bateron récords históricos de facturación malia o descenso de produción.

Pero este incremento económico non oculta o problema real da baixada en cantidade na colleita dun bivalvo que non só precisan os bateeiros, senón toda a industria que se move arredor: conserveiros, cocedoiros e depuradores. A eles tamén lles hai que dar unha solución sen andar perdendo tempo, forzas e prestixio proxectando unha imaxe equivocada en vez de aplicar o sentidiño común.

Os últimos anos lévannos a precisar maior cantidade de mexilla, si, pero se as rochas non son abondo; temos que apostar por minicriadeiros, instalacións de liñas flotantes de cultivo, novas autorizacións en bateas recolectoras e nun sistema de obtención de datos dixital, rápido, moderno e adecuado aos tempos que corren. Quen temos estudado e investigado o tema ao longo dos anos podemos aseveralo sen temor a equivocarnos.

Ningún cambio foi nunca fácil de lograr sen pasar por un necesario período de adaptación. Que llo digan ás mariscadoras, que na década dos 90 entenderon que no marisqueo hai anos que teñen que tirar de criadeiros porque non poden fiar toda a súa produción á captación natural. Ou que llo digan tamén aos propios valentes que se atreveron a apostar a mediados do século pasado por probar a cultivar mexillón pendurado de cordas sobre estruturas flotantes de madeira cando ninguén cría niso.

Se de verdade queremos avanzar está claro que o primeiro paso é sentarse á mesa. Non vale o «todo ou nada» se o que queremos é andar camiño. Cesión, negociación, traballo, consenso e concordia. Se estes son o piares, seino por experiencia, hai sitio para todos.


Comentar