La Voz de Galicia

A gran cidade non é país para vellos

Opinión

Marina Mayoral

08 May 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Realmente as grandes cidades non están pensadas para que as persoas de mais de 75 anos poidan vivir coa tranquilidade que a súa idade necesita. Mesmo sería máis exacto dicir que parecen feitas para facerlles a vida tan difícil que acaben por irse ao pobo en que naceron, se é que naceron nun pobo, ou a unha residencia de anciáns onde lles resolvan o que necesitan para seguir vivindo. Cóntolles a miña propia experiencia. Quería comprar un billete de tren, non un billete de avión que pode ter maior dificultade por aquilo de ter que ir ao aeroporto varias horas antes da saída do voo. Non, eu quería un sinxelo billete de tren. Había a posibilidade de compralo por internet e , como o tempo estaba chuvioso, decidín facelo. De súpeto a aplicación dixo que o formato do meu teléfono móbil non era correcto. O prefixo era correcto e os números tamén, pero a aplicación empeñouse niso e tiven que deixalo. Fun á estación onde decenas de persoas tentaban o mesmo que eu. Saquei o meu tícket, que tiña números e letra e onde advertían que ás 20 horas, se pechaba a sesión. Eran as seis da tarde. Ao meu lado sentou un mozo que tiña o número seguinte ao meu. Ás 19,30 aínda faltaban 4 números para a miña quenda, e as quendas avanzaban moi lentamente. Os dous mirabamos con angustia a pantalla. De tanto mirala empecei a ver borroso. O mozo deume unha lixeira cotenada: «Señora, a súa quenda».

 

Teño unha tarxeta dourada, que ofrece algunhas vantaxes para viaxar. Está a piques de caducar e preguntei á moza que me atendía na estación se podía renovala xa. Miroume con pena ( é a solidariedade feminina) e dixo : Pode facelo pero e necesario pedir de novo un tícket… Pois vai ser que non, carafio!


Comentar