La Voz de Galicia

A coroación da historia

Opinión

Antón Riveiro Coello

15 May 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Non dediquei nin un minuto do meu tempo a ver esa coroación retransmitida, e iso que na casa me dicían que se trataba dun momento histórico. Talvez a miña negativa veña porque non quero formar parte dese anacronismo establecido e non lle quero dar ningún significado á monarquía. Ver as súas cerimonias pomposas é tanto como lexitimalas. Prefiro as ficcións verdadeiras, sobre todo se nelas hai algo de espírito crítico. Durante semanas, a presión dos medios, con comentarios frívolos, sen ningunha profundidade, foron construíndo o desexo masivo do espectáculo, a necesidade de continuar co ritual da tradición, sen lle prestar atención á disidencia, coma se no Reino Unido non houbese ningunha polarización social con respecto ao tema. Non resulta doado pórse de costas a esa realidade inventada que parece froito dun delirio e, dun xeito case imperceptible, procura unha audiencia entregada e estigmatiza calquera discrepancia, mesmo facéndote sentir un deses radicais republicanos que, preventivamente, a policía metropolitana detivo para evitar calquera tipo de manifestación. Esa cobertura continua de apoio á monarquía como algo sagrado e natural fai que esquezamos a nosa propia condición submisa e vexamos excéntrico ese home que arrestan por levar unha camiseta con mensaxe política, ou esoutro que alza a voz cunha exaltación reprimida para pedir que a monarquía, de existir, sexa elixida e non hereditaria. Estou con esa xente que non comparte a euforia do evento e pensa que hai un punto de obscenidade en desviar cartos destinados aos bancos de alimentos para pagar actos dunha coroación que rodeou a súa histeria de adeptos e que eu non vin porque a desprezo cunha maxestosa indiferenza.

 


Comentar