Haruki Murakami, corredor de fondo da beleza
Opinión
24 May 2023. Actualizado a las 21:56 h.
Recibimos a nova, non por esperada menos agradable, de que o escritor xaponés Haruki Murakami recibía o Premio Princesa de Asturias das Artes. Levaba moitísimos anos como candidato. Igual que ao Nobel. O primeiro xa caeu. O outro, que non tarde.
Un dos motivos de alegría deste galardón é que o podemos ler en galego. Na Editorial Galaxia están traducidas varias das súas obras: 1Q84, Do que estou a falar cando falo de correr, e Tras do solpor. No seu día foi un esforzo inmenso trasladar eses títulos á nosa lingua, pois a tradución é sempre un exercicio titánico, máis cando se traduce directamente dende o xaponés. E máis cando se traduce a Murakami, dono dunha prosa chea de matices, de meandros silábicos, de acentos que espremen a sintaxe para xerar beleza. Diso vai a literatura: xerar beleza a través das palabras.
En marzo de 2009. Murakami estivo en Santiago para recoller o Premio San Clemente que lle outorgaran os escolares de Compostela por Kafka en la orilla, publicado por Tusquets. Aproveitouse a súa estadía para lanzar en España a súa nova obra, Do que estou a falar cando falo de correr. A edición saía tamén en galego e falamos coa súa xente para que nos deixase saír en galego antes que en español. Pode parecer algo sen importancia. Pero ten moita. Un dos problemas que ten o libro galego é que o castelán papa todo. Por iso era tan importante saír antes. Xa nolo deixara facer cando se publicou Tras do solpor. Todo foron facilidades e saímos antes, e puidemos presentar o libro de primeiros. E todo foi colaboración pola súa parte.
Aqueles días que pasou en Santiago, Murakami non perdoou saír correr. Espertaba antes ca ninguén e antes de que sacásemos as lagañas el xa estaba correndo. El di que non hai diferenza entre escribir e correr. Que todo é cuestión de disciplina e de concentración. E que mentres se corre se habita o mundo doutro xeito.
Os personaxes de Murakami son as moitas almas deste autor que foi responsable dun club de jazz ata 1982. Pode haber algo máis literario que un club de jazz? Imaxino a Murakami pendente dun saxofón que golpea as notas coma quen bate nun desamor. A Haruki latíndolle o corazón coa mesma arritmia coa que a percusión jazzística marca o paso das vidas. Todo iso está na súa literatura. Que comeza, precisamente, en 1982, cando toma tres decisións: deixar o club de jazz, escribir e correr. Correr para poder escribir. A literatura de Murakami ten moito de maratón. Non é un esforzo. Pero si é un diálogo cun resistente da beleza. Por sorte, corremos tamén con el en galego.