La Voz de Galicia

«A balea»

Opinión

Xosé Carlos Caneiro

01 Jun 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Nesta época de cine banal, vacuo e intranscendente, A balea resulta estimulante. É unha película memorable. Plena de sensibilidade e interiores. Agora que o cine só pretende divertir aos públicos, A balea consegue entreter e revelar e meterse na nosa pel como unha caricia ou como unha navalla. Desperta os sentimentos, cando os sentimentos predilectos dos noticiarios semellan post-electorais, pre-electorais, partidarios. Esta película, dirixida por Darren Aronofsky e fundamentada nunha obra teatral de Samuel D. Hunter, é marabillosa. Doe, porque o ser humano non pode vivir anestesiado por máis tempo. Alimenta a alma, porque o territorio dos adentros cada día está máis esquecido. É unha lección de humanidade. Unha lección de amor, no tempo no que os amores semellan todos de cor rosa (ou cetrina) e vulgaridade internética, tik e tok e Facebook e páxinas de citas para seguir vivindo sós. Un profesor de literatura con sobrepeso, gordísimo, dá as súas clases dende o ordenador. Oculta a súa imaxe ao seu alumnado. Apenas pode levantarse do sillón. Non se move. Sofre e fainos sufrir aos que contemplamos a súa vida. Porén, tamén nos fai pensar. Porque ten unha filla que é o motivo central da súa existencia demediada. Ela, e unha redacción que escribe anos atrás, é o motor da historia. Conta de Moby Dick, a novela magna de Herman Melville. Na redacción fálase de Ismael, o narrador da mesma (e non o autor, como equivocadamente aparece na película). Tamén aparece a tristeza. A que sufrían o capitán Ahab, Ismael, e Queequeg perseguindo á balea branca. A tristeza que sofre o protagonista desta película imprescindible. Se non a viron, corran. Miren. Sintan. Cine de veras.

 

 

 


Comentar