La Voz de Galicia

Farmamundi

Opinión

Xosé María Torres
Fabricación de vacunas en América Latina

14 Jun 2023. Actualizado a las 14:07 h.

O 16 de xuño celébrase o trixésimo aniversario de Farmamundi, unha oenegué española dedicada á acción humanitaria e á cooperación internacional sanitaria. Trixésimo, pois foi fundada en 1993. Naquela época —finais dos oitenta e principios dos noventa— na sociedade española xurdiron movementos que apostaban pola solidariedade cos países do chamado Terceiro Mundo, aplicando o acordo da ONU de 1972: que os países ricos transferiran o 0,7 % da súa riqueza aos empobrecidos. Foi parello co aumento do nivel de vida en España. Lembremos que ata 1981 o noso país estaba considerado como subdesenvolvido polo Banco Mundial.

 

As oenegués modernas naceron, tal vez, en 1971, coa fundación en Francia de Médicos Sen Fronteiras, por médicos e xornalistas que pertenceran á Cruz Vermella, e que quedaran indignados polas atrocidades en Biafra durante a guerra e fame que asolou esta rexión de Nixeria no ano 1968. Pero estas entidades teñen en realidade unha longa historia: xa en 1840 un grupo de estadounidenses antiescravitude fundara a American Anti-Slavery Society, tal vez a primeira oenegué. Tamén do século XIX é a Cruz Vermella, fundada en Suiza en 1863 tralos esforzos do cidadán xinebrino Henry Dunant (primeiro Premio Nobel da Paz en 1901), impresionado pola masacre da batalla de Solferino no ano 1859 en Italia. Se ben é considerada en España como o prototipo de oenegué, realmente Cruz Vermella non é tal, pois xorde dun acordo internacional subscrito polo Goberno español, que tutela a organización e designa a súa presidencia, o que non resta mérito ao traballo de miles de persoas.

As oenegués son hoxe actores claves no mundo rico. Pero o obxectivo último delas é transformar a sociedade. Lembro clamar así a José Luis Quintela, durante varios lustros delegado en Galicia de Intermón-Oxfam: vale moito máis un acordo que permita, por exemplo, que o café de Etiopía poida chegar a Europa non en cru senón xa tostado (co que o valor engadido quedaría en máns dos agricultores etíopes), e sen abusivos aranceis aduaneiros, que entregarlle pequenas axudas.

Dicía antes que Farmamundi cumpría 30 anos. Nas delegacións presentes en toda España, e na sede central de Valencia hai persoas orgullosas de ter contribuído a que 30 millóns de persoas de todo o mundo melloraran a súa saúde. Felicidades!


Comentar