O prometido é débeda
Opinión
21 Jun 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Prometéralles falarlles da miña experiencia infantil sobre a compresión lectora. Aquí vai.
Eu aprendín a entender textos oíndo polas noites na cama o que o meu pai líame, mentres a miña nai recollía as cousas da cea. E o que me lía eran novelas de Marcial Lafuente Estefanía, autor de centenares de novelas. Na casa había textos clásicos, pero o que o meu pai líame cada noite era un anaco dunha novela de vaqueiros. Eu levantaba a man cando non entendía. Por exemplo:
—Por qué a nai non deixa que o seu fillo case coa moza.
E o meu pai explicaba:
—Porque é unha moza pobre e a nai quere que o seu fillo case cunha rica herdeira.
Satisfeita a miña curiosidade, o meu pai continuaba a súa lenta e tranquila lectura ata que a miña nai dicía que era hora de apagar a luz e durmir. Estou convencida de que a miña capacidade para comentar textos, que foi unha das miñas especialidades académicas e sobre o que escribín un libro, xurdiu daquelas lecturas.
O problema é que a lectura comentada ocupa moito tempo e nos programas docentes o que valoran é que se fagan moitas lecturas, aínda que os nenos non entendan o que lles están lendo.
A miña experiencia, xa como catedrática, é que moitos universitarios seguen padecendo falta de comprensión lectora. O problema hai que resolvelo na infancia, primando a calidade sobre a cantidade, dedicando moito tempo a lecturas comentadas, e pagando convenientemente ás persoas que se dedican a esta tarefa. Os mestres de primaria teñen que ser estimados como pezas fundamentais na resolución do problema. E, por conseguinte, deben ser remunerados conforme á importancia do seu labor.