La Voz de Galicia

Fraga nunca faría o camiño de Feijoo

Opinión

Lourenzo Fernández Prieto

27 Jun 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Fraga nunca faría ese camiño de volta que está facendo o PP da man de Feijoo e, con el, parte da dereita española democrática. Como ía aliarse don Manuel con cachorros de Blas Piñar como Carlos Flores, con falanxistas militantes como Ortega Smith ou Joge Buxadé. Cos sucesores daquel búnker da Transición que el tanto contribuíu a demoler. En 1975, chamarlle búnker aos que querían a continuidade do falanxismo, aos que preferían a ditadura franquista á democracia foi a forma de lembrarlles como rematara Hitler, trinta anos antes. Os que saían do franquismo sabían o que facían, sabían.

 

Fraga pasou tantos transitando do falanxismo cara a democracia que nunca estaría disposto a volver atrás. Custoulle traballo e esforzo, dende que estivo na embaixada de Londres e mesmo antes. Fraga debeu comezar a pensar no sentido desa longa viaxe pouco despois de que en 1962 o fixeran ministro para amañar a desastrosa xestión de Gabriel Arias Salgado. Aquel ministro de Información da Ditadura que bautizou como «contubernio de Múnich» a exitosa reunión da oposición antifranquista ao abeiro do Movemento Europeo. Tan exitosa que logrou vincular a entrada de España no Mercado Común Europeo á súa conversión nunha democracia plena. A saída do Goberno en 1969, derrotado polo Opus e Carrero, o proceso de Burgos de 1970 e os fusilamentos de 1975 tamén deberon influír, revivíndolle un tempo que cría superado. O do fusilamento de Julián Grimau. El que non fixera a guerra sabía ben que o seu poder ministerial era un produto dos vencedores e por iso viaxou tanto para escapar daquela orixe e atopou o camiño entre 1973 e 1975, sendo embaixador en Londres. Pero o percorrido foi longo e tortuoso. Fraga puxo a AP a viaxar cara o centro, e as dificultades que tivo valéronlle aquela maliciosa chanza de Alfonso Guerra «de onde vén esta xente que tanto tempo lle leva chegar ao centro». Era a década de 1980 cando buscaba a maioría natural como líder liberal conservador. Aínda seguiu viaxando para facerse autonomista e para ser recoñecido como tal. Non lle foi doado pero ao cabo logrou xantar con Beiras.

Aquela longa viaxe custoulle demasiado traballo a Manuel Fraga como para facer o camiño de volta. Pero o pasado ten máis forza que as persoas, aquí están as vellas ideas da ultradereita, renovadas en cores e caras, sentadas nas Cortes, para demostralo. A democracia necesita afrontar de verdade o pasado, enteiro, asumindo a reconciliación e a non reconciliación. Por iso é importante pensar o presente con conciencia histórica. Esa viaxe ao búnker que nunca faría Fraga, faina encantada unha parte da dereita, a madrileña ultranacionalista de Aguirre e Ayuso, tamén os oportunistas de cayetanópolis que buscan sempre un lugar ao sol, aínda bo é que outros semellan empeñados en evitala, o sorrinte Semper —acreditado na resistencia a ETA—, a sorpresiva —ou non tanto— Guardiola de Estremadura. En Galicia non se lles ve moi cómodos á maioría do PP, pero nesta terriña nosa, por un lado xa ves e polo outro que queres que che diga.


Comentar