La Voz de Galicia

Un bolso de Vuitton

Opinión

Inma López Silva

14 Jul 2023. Actualizado a las 05:00 h.

A sofisticación do ser humano é fascinante: fabricouse un bolso Louis Vuitton microscópico que non vale nin para usar coas bonecas Lol. E é que o luxo nunca abonda; cómpre ir un chanzo máis alá, ora contravindo as leis da lóxica ao facer un bolso que non serve para ser bolso, ora estando disposto a pagar uns 60.000 euros (51.000 dólares máis non sei que taxas desmesuradas que engadiron outros 12.000) por unha peza que hai que ver cun microscopio que, por suposto, vén incluído e fai xogo co bolso.

 

Se vostede non ten presbicia, notará que é «algo máis pequeno ca un gran de sal» —gordo—, e nin sequera é bonito: é un bolso verde fosforescente que, por suposto, leva o horríbel logo co LV, un deses bolsos que desexan imitarse ao inimitábel Birkin. Tamén é abraiante a sofisticación que precisamos para comprender as meirandes obviedades. O bolso nin sequera é un Vuitton, senón unha copia feita con impresora 3D realizada por Kevin Wiesner, membro dun colectivo artístico chamado MSCHF. Perseguía expresar a ausencia de sentido práctico inherente ao luxo: se un bolso coma este —en tamaño normal— custa máis de 3.000 euros, iso significa que se converteu en xoia e, por tanto, deixou de ser bolso. Daquela, por que non reducilo ao tamaño da pedra dun anel?

Dirán vostedes, que bonita é a crítica anticapitalista cando se cobra máis de 60.000 euros por unha peza de arte. Mais, a diferenza de todos e cada un dos bolsos de Vuitton, o bolso microscópico é único, tan inútil coma inmortal, e non precisou da explotación ou aniquilación de ningún ser humano nin animal para a súa fabricación. Ambos aprovéitanse da sofisticación humana para existir. Pero tamén, sobre todo, da soberana idiotez que nos caracteriza en canto nos sobran os cartos.


Comentar