La Voz de Galicia

Que vai facer o Celta con Santi Mina?

Opinión

Inma López Silva

31 Jul 2023. Actualizado a las 05:00 h.

A que non sabían que, entre o vodorrio de Tamara e a morte de Sinéad O'Connor, mentres Feijoo e Sánchez se mataban, Santi Mina adestraba con normalidade no RC Celta de Vigo?

Ai, Mina!, ese problema do que o club parecía liberarse ao mandalo cedido a Arabia Saudita, onde a condena por abuso sexual case era un mérito. Pero a cesión acabou, e o guapo mozo volveu uns días antes de que o TSX andaluz ratificase a súa condena a catro anos de cárcere, noticia que o sorprendeu dando chimpos pola Madroa, coma se a cadea non lle alentase na caluga e coma se unha moza non fose vilipendiada no recurso que vén de ser desestimado.

Xa se sabe que a Xustiza sempre vai en favor de quen pode permitirse aburrir un santo, e, xa que o Adonis céltico non é pobre, o pesadelo volve en forma de dilatación dos tempos, para adiar a sentenza firme que podería implicar a rescisión dun contrato que xa remata en 2024, e mais o seu posíbel encarceramento. Mentres, non quere unha nova cesión nin acepta un despido pactado porque sabe que, en realidade, falta valentía para pagar a cantidade astronómica dun despido tan procedente eticamente coma economicamente pensado para blindar eses posadolescentes millonarios sen escrúpulos polos que tanta querenza teñen os compis de vestiario que lle amosan o seu apoio machote. Así que, aí fica Santi Mina, agresor sexual segundo sentenza xudicial non firme, nun dos pouquísimos equipos dirixidos por unha muller.

Estou segura de que Marián Mouriño dorme peor que Mina, que fai caixa á conta da tolerancia que este país amosa por indesexábeis que se disfrazan tralas camisolas que fan felices a milleiros de seareiros con esa alegría que só produce un gol. Mais as seareiras somos outra cousa, e non sei como calamos tanto.


Comentar