Choques no mar
Opinión
02 Aug 2023. Actualizado a las 05:00 h.
O buque oceanográfico Miguel Oliver embistiu a un veleiro no Mediterráneo este fin de semana. Que dous vehículos choquen nunha estrada comarcal ou nas rúas dunha cidade é habitual, pero que dous barcos choquen no mar sorprende. Segundo explican membros da tripulación, desde o Miguel Oliver pitaron en varias ocasións para advertir ao barco a vela que se apartase. Estaban a dúas millas. Tentaron poñerse en contacto mediante radio, pero non foron atendidos. Comprobaron entón, con prismáticos, que non había ninguén na cuberta do veleiro. «Non ía ninguén ao temón», insisten fontes de a bordo. Convencidos de que era o outro o que tiña que apartarse, mantiveron o rumbo, e a unha distancia de media milla o único que puideron facer foi manobrar para non partir o veleiro polo medio, pero o choque foi inevitable. Saíron entón as dúas persoas que ocupaban o veleiro, sorprendidas, e explicaron que estaban a realizar unha cura no interior. Fontes do Miguel Oliver din que o choque se podería evitar, redirixindo o rumbo do buque de investigación.
Cóntolles como sempre a miña experiencia. Báñome nunha pequena cala e nado ata 150 metros da costa. É o territorio acoutado para bañistas. Levo suxeita á cintura unha boia de augas abertas de cor laranxa. Con iso e con sorte, se me sinto mal e levanto os brazos, espero que veñan recollerme. Hai uns días, o mar estaba moi tranquilo, deixei a miña boia na beira, nadei un intre de costas... e choquei co único bañista que había en varias millas á redonda. Démonos un bo golpe na cabeza, como de película cómica. Os dous ollabámonos asombrados agarimando as nosas testas doloridas.
Lección e ensinanza: no mar toda precaución é pouca.