La Voz de Galicia

A fin do verán

Opinión

María Canosa

17 Aug 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Cantaba o Dúo Dinámico que cando chegase a fin da verán, o amor partiría, e que non sabería canto tempo duraría a lembranza.

 

Pasamos á segunda quincena de agosto e eu xa sei que, sen ter sensación ningunha de vacacións, o verán (e todo o que este leva consigo) está próximo á súa fin. Tamén estou segura de que a sensación de telo vivido ha permanecer moito tempo.

Ese mesmo dúo musical fixo doutra das súas cancións un himno: Resistiré. O tema arrasou a finais dos noventa e tamén en plena pandemia. Resistir non pasa de moda. E o verán, e agosto, permanecerán grazas ao tesón.

Cada Xunqueira, festa patronal da miña vila, xuntámonos. Non xa na casa, pois co paso do tempo os convidados van sendo cada vez menos. Pero si na vila. Na procesión, na sesión vermú, no concerto da banda... É quince de agosto e temos medo que o verán se nos escorregue entre os dedos sen case tocalo. Por iso saudamos aos veciños, aos que foron compañeiros da escola, aos da quinta dos pais... Compartimos apertas sentidas e sorrisos sinceros. Logo do «que tal?», do «canto tempo!» ou do «que é da túa vida?» acabamos por facer balance. Agarrámonos aos sons, os colores e os olores que marcaron o verán da nosa infancia, aínda que agora o vivamos a través dos fillos.

O verán só remata se deixamos de vivilo, de crer nel. Sempre nos dá tristura que remate e por iso mesmo sempre anhelamos o seu regreso. Pero tamén é importante saber gardalo e conservalo. Que teñades (que aínda queda) un feliz verán. Coidádeo e gardade del!


Comentar