La Voz de Galicia

Deportistas trans e non trans

Opinión

Marina Mayoral

23 Aug 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Cando compiten en calquera deporte mulleres trans e non trans, as primeiras gañan sempre, provocando as queixas das segundas, que cren que é inxusto competir en inferioridade de condicións. O caso máis rechamante foi o da nadadora estadounidense Lia Thomas, que pasou do posto 462 da clasificación cando nadaba como home a conquistar as 500 yardas na Division I feminina da NCAA (National Collegiate Athletic Association).

 

A atleta española Ana Peleteiro manifestou desde o primeiro momento que esa era unha situación que violaba o principio de equidade do deporte profesional e obrigaba ás deportistas a competir con persoas xeneticamente superiores. A súa postura foi a mesma que a da FINA (Federacion Internacional de Natación), que tomou a decisión, aprobada por 70 % dos seus membros, de vetar a aquelas nadadoras transgénero que iniciasen o seu tratamento redutor de testosterona unha vez excedida a puberdade masculina, e somentes permitir a inclusión daquelas deportistas que comezasen a transicionar antes dos 12 anos, e non cando a musculatura é xa a dun home adulto.

Vexamos cal foi a reacción que provocaron as declaracións de Ana Peleteiro: «Desde hai uns días levo recibindo un enorme acoso polas redes. Unha cantidade innumerable de persoas que me insultan, deséxanme a morte, deséxanlle o mal á miña familia e mesmo mensaxes de odio pedíndolle a Deus que oxalá me parta unha perna ou calquera lesión grave que me afaste das pistas. Afortunadamente, traballei moito en terapia para que este tipo de mensaxes non me afecten no meu día a día».

Non cabe dúbida de que a atleta galega, ademais dunha gran deportista, é unha muller con máis moral que o Alcoyano. May the Force be with you, Ana!


Comentar