Rubiales era Ken
Opinión
26 Aug 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Cando Rubiales lle roubou o bico a Jenni Hermoso naquel momento da celebración do Mundial non era máis ca un machirulo que acababa de agarrar os xenitais para celebrar un gol. Ai, que xesto tan cañí, tan de puro e touros ás 5! E que deportivo, oian! Pero despois, cando declarou iso que el chamou «desculpas», era Ken o de Barbie acurralado na súa Mojo Dojo Casa House, coa espada de Damocles do feminismo pendurándolle sobre a testa. Malia chamarlles «tontos del culo» a quen o acusaban de acoso, albiscábase xa a sorpresa, a autosuficiencia recuando, a estrañeza de adiviñar que iso de ser señoro, se cadra, era xa cousa dunha época en que un podía ir por aí tocando tetas e roubando bicos a modo de ostentación. Tempos aqueles.
Díxose moito do lamentábel intento de facer coma se o bico fose de común acordo, lembrando a exaltación romántica de Casillas e Carbonero no Mundial do 2010. Pero falouse pouco do verdadeiro fondo da desculpa: para Rubiales, o problema era acosar en público. Alguén na súa posición non pode cometer o erro que —parvo non era— lle custaría o cargo: iso de abusar das subordinadas é algo que hai que facer en privado, amigotes, que andan as feministas moi crecidas e por calquera conachada fanche a revolución.
Nunca pensaron nin Rubiales nin ningún dos machotes nas altas esferas que unha cousa de tías podería ser o motivo que os faría lamber o po. Que iso ao que están tan afeitos e mesmo os seus acérrimos inimigos compartirían —usar mulleres, lucir mulleres, intercambiar mulleres—, de súpeto, racharía as costuras da fratría porque, oh!, agora serve para facer a guerra e para moverlle a cadeira ao do lado!
As tías logramos isto: a manada dubida, aínda que só sexa cando lle convén.