Mellor non destacar
Opinión
19 Sep 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Hai poucos días lin en La Voz o testemuño dunha muller superdotada a quen a súa superioridade intelectual creoulle graves problemas na súa infancia e ao longo da súa vida, ata que aprendeu á disimular a súa superioridade.
En realidade, calquera trazo de personalidade que non sexa común á maioría pode ser un problema. Dígoo por experiencia propia. Eu fun unha nena lectora á que lle gustaba inventar historias. Ía a Lugo a examinarme e sempre me sobraba tempo no exame. Nunha ocasión unha profesora achegouse, leu o meu exame e púxose a mirar no pupitre. Decateime de que buscaba un libro ou algo de onde eu puidese copiar o que escribira.
Eu non son unha superdotada, pero teño algo que deu en chamarse creatividade e iso tamén se interpreta como unha superioridade e xa temos o lío armado. Nunha ocasión, xa na Universidade de Santiago, paseaba cunhas compañeiras e achegáronse uns mozos. Un deles púxose ao meu lado e as miñas compañeiras informáronlle inmediatamente de que eu sacaba matrículas de honor e sobresalientes en todas as materias. O mozo deu un respingo e dixo «cada vez custa máis distinguilas», e miroume coma se eu pertencese a unha clase de seres que, a pesar da súa aparencia agradable e inofensiva, podían ser perigosos.
Ser diferente é un problema e dá igual a clase de diferenza: a riqueza, a beleza, o poder convértense en obxecto de envexa e no consecuente desexo de que perdas eses atributos. Pero tamén a pobreza e a fealdade marxinaranche. Nunha ocasión, sendo unha nena, a miña avoa díxome: «No país dos lobos, ouvea como eles». Creo que quixo advertirme dos perigos de ser diferente. Foi un consello que eu non seguín, pero creo que non é un mal consello.