La Voz de Galicia

Pode un presidente da Xunta votar en contra da lingua galega?

Opinión

José Ramón Gómez Besteiro José Ramón Gómez Besteiro Deputado del PSOE no Congreso

22 Sep 2023. Actualizado a las 05:00 h.

As linguas son vehículo de comunicación, mais tamén son elementos conformadores das identidades, persoais e colectivas. «Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma», afirmaba Castelao. Ser e falar galego forma parte da miña identidade. O galego define a miña vida, a familia, as amizades, e, ao tempo, define ao noso país.

 

A aprobación no Congreso dos Deputados da modificación do Regulamento para garantir o emprego das diferentes linguas oficiais constitúe unha conquista política e social, unha ampliación de dereitos mediante a normalización e protección institucional do que, sen dúbida, xa era normal nas nosas rúas.

A nosa identidade como pobo galego non fica limitada á Galicia territorial. Grazas á nosa cultura, e significativamente, á nosa lingua, milleiros de persoas de sitios tan dispares coma Nou Barris, Portugalete, o Bierzo, Suíza, ou, como non, Bos Aires, sentímonos parte da gran comunidade que é Galicia. A lingua é identidade non excluínte da nosa comunidade, e lévao sendo dende as orixes da nosa historia.

Como consecuencia, o recoñecemento e protección institucional do galego, insisto, é a ampliación dun dereito. Non é unha obriga, non é unha imposición contra nada nin contra ninguén senón todo o contrario, é un acordo —entre diferentes— para avanzar, para convivir con maior liberdade. Acordar para avanzar, non me cansarei de repetilo.

Con orgullo podemos subliñar que foi o galego a primeira lingua oficial española diferente do castelán empregada no Congreso dos Deputados. A nosa cultura, o noso ser, é vangarda. Alén das razóns lóxicas, é xusto recoñecer tamén que o pasado martes, cando se deu este gran paso, tiven un sentimento moi profundo, e entendo que tamén colectivo, de orgullo por ser galego.

Esta e non outra é a senda que queremos recorrer, a dos avances, persoais e colectivos para as nosas xentes, para a nosa cultura, para Galicia.

Por iso, non se entende o voto do Partido Popular en contra do galego. Inxustificable o comportamento dos señores Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijoo. Penso que é incomprensible que o partido que goberna Galicia tentara impedir que a nosa lingua se falara no Congreso. E non quero pensar que se poidan avergoñar da súa identidade, do que realmente son, galegos.

Pretendidamente empreguei nas miñas intervencións as miñas dúas linguas. Fronte esa vergoña e reducionismo do Partido Popular de Galicia, sei que somos maioría os que sentimos e pensamos desta outra forma: que cadaquén escolla libremente, pero que se poida vivir en ambos idiomas, e sempre, sempre, Galicia en primeiro termo.

A dúbida é, por tanto, evidente: pode permitirse Galicia un presidente da Xunta que vote en contra da súa propia lingua, da súa identidade?

A cidadanía galega terá que responder en breve a esa pregunta.


Comentar