Neonazis en España
Opinión
![](https://cflvdg.avoz.es/sc/xDHaKjrhczg8Pwh6TBJBAzQiG30=/768x/2023/09/22/00121695387422114772532/Foto/j_20230922_103531000.jpg)
23 Sep 2023. Actualizado a las 05:00 h.
O 4 de setembro, o tenista alemán Alexander Zverev parou o partido que estaba a xogar no Aberto dos Estados Unidos cando alguén do público berrou: «Alemania, Alemania por enriba de todo». Os máis dos espectadores percibírono como unha simple expresión de ánimo, pero Zverev sabía que era o primeiro verso do himno da Alemania nazi e para el foi como un ondear da bandeira do Terceiro Reich, polo que pediu ao xuiz de cadeira a expulsión do espectador; e así se fixo. Unha bandeira nazi mandáraa retirar do campo de Mestalla o holandés Guus Hiddink, en 1992, cando adestraba o Valencia.
Desde 1980 grupos ultras que tentaran perpetuar o franquismo con crimes e atentados a sedes de partidos de esquerda, sindicatos, librerías e galerías de arte, e outros de ideoloxía neonazi, fanse notar nos campos de fútbol con símbolos e actitudes violentas e racistas. Os cidadáns vémolos como fatos de descerebrados, e algúns haberá, pero a maioría son moito máis e peor. O xornalista Antonio Salas, que pasou un ano infiltrado nun grupo de skinheads, pasmou ao descubrir que moitos eran avogados, programadores informáticos, licenciados, etcétera, e que abondaban as mulleres. Por iso cando lle preguntaron se hai vida intelixente no submundo skin, respondeu: «Si, e aí está o perigo».
Niso e en minimizar a importancia da actividade política que outros colectivos neonazis veñen desenvolvendo fóra dos recintos deportivos desde 1966, cando naceu o Círculo Español de Amigos de Europa (Cedade), coa colaboración de nazis tan sinalados coma o belga Léon Degrelle e o austriaco Otto Skorzeny, que despois da derrota de Alemania na II Guerra Mundial viviron un retiro dourado na España de Franco. Cedade produciu e difundiu propaganda nazi e os primeiros textos negacionistas do Holocausto nunha revista mensual editada en varios idiomas, cunha tirada de 12.000 exemplares; e cando se disolveu, en 1993, deixaba sementeira para que agromasen novas organizacións de ideoloxía nacionalsocialista. Das varias que hoxe existen, só Alianza Nacional, se recoñece herdeira dos fascismos europeos, pero o galego David Saavedra, autor do libro autobiográfico Memorias de un exnazi: veinte años en la extrema derecha española, afirmaba no 2021 que «Democracia Nacional, Hogar Social Madrid, Alianza Nacional, Falange, Cedade, Vox o Ultras Sur son diferentes ladrillos de un mismo edificio».
Ladrillos diferentes, si; porque Vox e Alianza Nacional non parecen homologábeis. Pero é verdade que Vox abriu as portas aos neonazis, que varios apareceron nas súas listas electorais e algúns teñen cargos e carguiños en gobernos locais. Mírese por onde se mire, animar a Feijoo a pactar con Vox non é un bo consello. E el sábeo.