Falsos espidos
Opinión
25 Sep 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Uns adolescentes aproveitaron a posibilidade que ofrece a intelixencia artificial (IA) para espir a nenas de doce e trece anos. A cara que aparece nos vídeos é a das súas compañeiras de clase, pero o corpo espido é unha creación da IA. Sucedeu en Almendralejo, pero xa antes ocorreu en Huelva. Localizaron a dez rapaces, algúns menores de catorce anos, autores do que de xeito evidente é un delito.
Algunhas cantantes famosas foron tamén vítimas dese falso espido e supoño que tentarán que o ataque á súa imaxe non quede impune. Pero as nenas teñen menos recursos e menos experiencia e estano pasando moi mal. As nais das prexudicadas crearon unha asociación para buscar solucións. Todos insisten en que é necesaria unha educación sexual desde a infancia, pero iso é unha medida a longo prazo que non resolve o aquí e agora. Dígolles a miña opinión: habería que castigar duramente aos que crearon as imaxes, a quen as difundiu e a quen aplaudiu a iniciativa. Demasiada xente, pero bastaría con castigar con multas cuantiosas e traballos sociais a uns cantos para que rendese o pánico e todos temesen ser o próximo. Ao ser moitos deles menores, as multas caerían sobre os pais, que xa se encargarían de trasladar aos seus vástagos o correspondente premio ao seu comportamento. Os apoios psicolóxicos deben centrarse en convencer ás nenas de que non teñen por que avergoñarse: utilizaron o seu rostro, non é o seu corpo, non son elas. Que levanten a cabeza e miren directamente a quen as ofenda. Eles son os culpables. Eles son os que deben avergoñarse. Cometeron un delito e serán castigados. Amén.