Dime se pos un punto final no WhatsApp e direiche que idade tes
Opinión
08 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Cada medio de escrita leva aparellados uns xeitos de proceder específicos. A chegada das computadoras mudou os hábitos asociados a aquelas máquinas de escribir dixitais que almacenaban na memoria 60 caracteres e que, á súa vez, xa foran un avance notable respecto das anteriores, nas que non había posibilidade de rectificar o erro antes de que se plasmase no papel. A lingua oral ten características propias diferentes da escrita porque xoga no terreo da inmediatez, da espontaneidade, e iso impide que a planificación e a rectificación poidan desenvolverse, por exemplo, coma cando escribimos unha carta. Durante séculos, milenios incluso, o dominio da lingua escrita foi unha marca de clase, de distinción social, e de aí os esforzos no desenvolvemento da caligrafía e a xeración e mantemento de sistemas ortográficos cunha complexidade superior á necesaria para o transvase da lingua humana a ese procedemento secundario que a liberaba da súa evanescencia.
Na actualidade, as novas tecnoloxías e, de xeito moi claro, o WhatsApp están producindo, por primeira vez, o que se podería denominar como «a conversa escrita», así que é lóxico que proliferen trazos propios da oralidade, nomeadamente os ligados á improvisación, á frecuencia do erro e ao discurso non planificado. No WhatsApp, pola súa proximidade á conversa espontánea, por inscribirse esencialmente nun rexistro coloquial, tende a prescindirse de elementos que retrasan ou complican o discurso e tamén dos que resultan excesivamente cultos para o contexto. Moitas persoas eliminan o punto final nas súas mensaxes, non porque descoñezan a norma, nin porque acotío escriban dese xeito, senón polo mesmo motivo polo que, nunha conversa coa súa nai ou cun amigo, entre dous termos optan polo máis espontáneo. Hai, nesta tendencia, un nesgo xeracional, quizais porque a xente de máis idade, especialmente os adoutrinados aínda baixo o franquismo, sufriron aquilo de que «a letra con sangue entra» e, cando ven unha falta, non poden evitar o arrepío do sacrilexio. Os máis novos, pola contra, educados en sistemas menos ríxidos e máis dados a cuestionar as normas arbitrarias, relaxan o código ortográfico, do mesmo xeito que ocorre cos protocolos de vestimenta e costumes ou cos sistemas de deíxe e xerarquización social no tratamento das persoas.
En xeral, cómpre non vencellarmos o seguimento estrito da norma co amor e o respecto á lingua, nin o seu relaxamento co desleixo, a ignorancia e o desprezo. Sería como pensarmos que quen trata de vostede respecta máis que quen emprega o tratamento familiar. Os idiomas e os seus usos son versátiles, evolucionan no tempo, son unha obra colectiva, resultado de múltiples pequenos cambios. Agora, a lingua escrita permite, grazas ao progreso tecnolóxico, a conversa espontánea. Cos seus trazos propios e a súa marabillosa continxencia.