La Voz de Galicia

Música de cartón

Opinión

maría Canosa

10 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.

A quen non lle atrae a música? É unha arte para todos, que democratiza. Pero ser músico non é tan sinxelo. Non só é necesario ter un bo oído ou unhas boas calidades para afinar. Tamén fan falta cartos. Xa non digo para dedicarse profesionalmente. Para formar un pequeno grupo, por exemplo, fan falta certos coñecementos (asistir a aulas) e tamén instrumentos. Algúns son baratos, pero outros non tanto.

 

Pero a música é tan boa e proporciona tantos beneficios, que aparece xa como unha educación indispensable no sistema educativo. Estaría moi ben poder aumentar estes coñecementos. Algo complicado cando os recursos das familias son escasos ou a conciliación se converte nun imposible caprichoso.

A música necesita de quen a ame, como Sandra Fernández, a profesora de música do Vicente Risco de Teis. Fixeron un taller de instrumentos musicais feitos de cartón. Así a música puido converterse no proxecto do centro. A música é de cartón, pero a orquestra chámase Son de Flores. Coas súas actuacións chamaron a atención dun programa de televisión.

Ernesto Campos compúxolles un tema e o Concello de Vigo pagoulles a viaxe a Madrid. Formaron un grupo máis forte. A música fíxoos máis seguros, responsables e empáticos. Para eles foi ese o agasallo, independentemente do resultado no concurso. Que non nos ceguen os focos. A importancia está no corazón da música. E das persoas que agasallan o seu tempo para mellorar a vida dos demais.


Comentar