Migrantes
Opinión
20 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Écomplexo pensar por que somos sensibles a unhas cousas e a outras non. Por que seguimos moi de cerca as desgrazas e atrocidades dalgunhas partes do mundo, e ignoramos as doutras. Lía esta semana que, só na primeira quincena de outubro, Canarias recibiu 8.561 inmigrantes nas súas costas. Lía tamén que os esforzos do Goberno español se centran en «promover a cooperación cos países de orixe e tránsito da migración na loita contra as mafias que trafican con persoas», en Senegal, Marrocos e Mauritania. E que as autoridades canarias teñen acollidos a 3.800 menores estranxeiros. E dóeme o peito cada vez que leo a palabra reparto relacionada cos mozos e mozas non acompañados. Porque un dos xeitos que temos de lidar con esta realidade en España é repartindo menores estranxeiros polas diferentes comunidades autónomas que aceptan ese repartimento de xeito voluntario...
Hai días nos que me propoño aprender sobre as historias de vida dos milleiros de persoas que chegaron a España pola ruta canaria, a vía migratoria máis perigosa do mundo. Nos que teño a forza interior suficiente para ler e escoitar relatos sobre as infinitas inxustizas que afrontaron os que chegaron con vida ao noso país. Nos que, a pesar de saber que non hai unha solución universal para os retos da migración, sinto que deberiamos saber loitar por unha solución máis humana para os retos da migración no noso país, pois hai máis de vinte anos que se usa esta ruta migratoria. Unha solución que non normalice as imaxes de centos de persoas refuxiadas e inmigrantes durmindo, retidos, nun peirao, ou en espazos ateigados que non reúnen as condicións necesarias para, simplemente, a dignidade.