La Voz de Galicia

Investidura e memoria democrática

Opinión

manuel monge Sociólogo e expresidente de CRMH (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña)

26 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Está en marcha un proceso de consultas por parte de Pedro Sánchez para conseguir apoios para a súa investidura como presidente de Goberno. As formacións políticas con presenza no Congreso están a presentar aspectos fundamentais da súa axenda, é dicir, reivindicacións que esperan que sexan recollidas, finalmente, no programa de goberno: amnistía, referendo de autodeterminación, traspaso das competencias de Rodalies —tren de proximidade— a Cataluña, finalización da Y vasca ferroviaria, traspaso a Galiza da titularidade da AP-9, etcétera.

 

Non se presentaron publicamente para incluír nese programa aspectos que son reivindicacións históricas das vítimas do franquismo e do movemento memorialista, como acabar coa impunidade dos crimes do franquismo, cousa realmente sorprendente cando se aprobou hai un ano una Lei de Memoria Democrática (LMD), que está por desenvolver ou non hai vontade política para executala.

Coñecemos recentemente que unha xuíza de Barcelona se negaba a xulgar as torturas denunciadas por un preso político no franquismo, porque considera que o posíbel delito está prescrito ou amnistiado. Argumento sustentado na Lei de Amnistía de 1977, artigo 2.e: «Están comprendidos na amnistía os delitos e faltas que puidesen cometer as autoridades, funcionarios e axentes de orde público, con motivo ou ocasión da investigación e persecución dos actos incluídos nesta lei»; artigo 2.f: «Os delitos cometidos por funcionarios e axentes de orde público contra o exercicio dos dereitos das persoas». Como é posíbel que 16 anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica estea vixente ese artigo e non se poidan xulgar as torturas, e as vítimas teñamos que «emigrar» a Arxentina, onde a xuíza María Servini está a investigar os crimes do franquismo? Por que a Fiscalía Xeral non remite a todos os xulgados instrucións para que se recollan todas as denuncias, iniciándose o proceso para cumprir coa petición das vítimas: verdade, xustiza e reparación?

A resolución 39 da Asemblea Xeral de Nacións Unidas do 12 de decembro de 1946 definía a sociedade en que viviamos: «De acordo coa súa orixe, natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime fascista baseado no modelo da Alemaña nazi de Hitler e a Italia fascista de Mussolini, e establecido en gran parte grazas á axuda recibida destes». E o artigo 1.3 da LMD declara «ilegal o réxime xurdido da contenda militar iniciada co golpe militar de 18 de xullo de 1936». Se o chamado «réxime» foi ilegal; se entendemos, por pura lóxica, que os cargos públicos nomeados por ese réxime ilegal son tamén ilegais, como é posíbel que alcaldes e ministros da ditadura reciban aínda hoxe todo tipo de distincións? É propio dunha sociedade democrática que 19 ministros da ditadura conserven en Santiago medallas e distincións de fillos adoptivos e predilectos concedidas na ditadura?

A falta de coherencia na aplicación da LMD é evidente. O artigo 41.1 retira os títulos nobiliarios a 33 persoas «en atención ao obxecto desta lei», pero as persoas que perderon eses títulos conservan 60 distincións en 22 concellos de Galiza. Miles de persoas asasinadas seguen nas cunetas. As familias de nenos e nenas roubados polo franquismo levan moitos anos reclamando unha lei que non acaba de chegar. A que esperamos?


Comentar