Verdade e guerra
Opinión
28 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Das reflexións que coñezo sobre a verdade quedo coas de dous poetas con sentido do humor. Rabindranath Tagore, que afirmou: «Só hai unha verdade absoluta: que a verdade é relativa». E Ramón de Campoamor, que non foi menos concluínte: «Y es que en el mundo traidor / nada hay verdad ni mentira: / todo es según el color / del cristal con que se mira». Os dous teñen razón e cos seus asertos explican o difícil que é para os defensores da causa israelí e os da causa palestina entendérense en Europa. En Israel e Gaza é imposible, claro.
Ser obxectivo nas guerras é difícil para todos, tamén para os artistas. Goya tentouno nas estampas que gravou durante a Guerra da Independencia e titulou Los desastres de la guerra. Na segunda, soldados franceses matan a tiros de fusil uns descamisados españois, e titúlaa: Con razón ou sen ela. Na terceira son descamisados españois quen matan soldados franceses, a coiteladas e golpes de machado, e o pé di: «Lo mismo». Na 28, homes e mulleres españois bouran con paus nos cadáveres de soldados franceses, ata esnaquizalos. Goya chamouna Populacho. Aínda hoxe se discute se o Goya de Los desastres de la guerra era un patriota ou un afrancesado. Eu coido que ambas cousas, e antes que nada un ser humano arrepiado das atrocidades que a nosa especie pode cometer.
Naji Salim Hussain, o primeiro viñetista palestino, non buscou a neutralidade ao tratar o conflito dos xudeus co seu pobo. Naceu en 1936 nunha aldea próxima a Nazaret, e aos doce anos era un dos 750.000 palestinos obrigados a deixaren os seus fogares, tras se crear o Estado de Israel. Pasou a infancia nun campo de refuxiados no Líbano; e cando nos anos sesenta, despois de vivir en varios países árabes, se converteu en viñetista, quixo que o mundo coñecese a verdade a través dos ollos inocentes de Handala, un neno palestino e refuxiado, que aparece sempre de costas, coas mans cruzadas atrás. En 1985 foi vivir a Londres para crear en liberdade e ser a voz dos desvalidos. Iso levouno a denunciar a política sionista de Israel, pero tamén a complicidade dos EE.UU., a falta de democracia nos países árabes e a avaricia dos seus gobernantes. O pobo admirábao e queríao, e o neno Handala pasou a ser un icono da mocidade árabe; pero Naji Salim resultaba incómodo para demasiada xente e o 22 de xullo de 1987, cando saía do diario Al-Qabas International, no que traballaba, un home disparoulle na cabeza e matouno. A policía inglesa detivo dous sospeitosos, que confesaron ser axentes dobres: da Organización para a Liberación de Palestina e do servizo de espionaxe israelí. Quedaron absoltos por falta de probas.
Da verdade dixo santa Teresa: «La verdad padece, pero no perece».
Pois non parece.