La Voz de Galicia

Celebración das bibliotecas

Opinión

Víctor F. FREIXANES

29 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Por decisión da Unesco e iniciativa de distintas organizacións internacionais, as máis delas relacionadas coa literatura infantil e xuvenil, celebramos o pasado 24 de outubro o Día Internacional das Bibliotecas. Unha celebración que, ao mesmo tempo, é memoria. Ese día produciuse o asalto e destrución dos ricos fondos da Biblioteca de Sarajevo (1992): arredor de dous millóns de volumes, ademais de case 700 manuscritos e incunables. O principal responsable do crime foi un nacionalista serbio, aínda que nacido no que hoxe é Bosnia Hercegovina, profesor de literatura, admirador e estudoso das obras de Shakespeare, que consideraba que os fondos que se custodiaban na biblioteca, sobre todo os relacionados coa cultura musulmá, atentaban contra a identidade nacional da gran Serbia. Un fanático. Suicidouse en 1997, pero a aniquilación quedou feita: dos libros e mais do edificio, que databa de 1894.

 

O obxectivo era borrar a memoria, algo que desgraciadamente se repite con escandalosa teimosía ao longo da historia: a queima de libros nas ditaduras nazis en Alemania (tamén en España durante a guerra civil), a destrución da biblioteca de Iraq no ano 2003, e dende moito antes, case que dende o principio dos tempos: a Nínive de Asurbanipal, a Persépolis de Darío, o Exipto de Akenatón, a biblioteca de Alexandría dos Ptolomeos… E a biblioteca musulmá de Granada, queimada por orde do cardenal Cisneros, e a de Córdoba, polos seguidores fanáticos de Almanzor, e na China, en Perú, en México (onde se perderon moitos valiosos códices da cultura maia), en Ecuador, na Arxentina…

A destrución de bibliotecas e a queima de libros é unha constante histórica promovida pola intransixencia e o totalitarismo: pola incapacidade de convivir cos que non pensan coma nós. Desgraciadamente, a de Sarajevo en 1992 non é unha excepción. Matar os libros (e as bibliotecas) equivale a matar a memoria do que somos, borrar o pasado, a identidade. O Día das Bibliotecas pretende exactamente o contrario. Pola mesma época da destrución da de Sarajevo a ONU reconstruía a memoria da biblioteca histórica de Alexandría, un dos grandes tesouros da idade antiga, destruída polos exércitos de César no ano 47 a C e, posteriormente, polo fanatismo cristián. Ninguén está libre de pecado. Magoa que para a celebración non poidamos pensar, no canto da destrución, na creación, nos alicerces primeiros. Magoa que andemos sempre a lembrar as defuncións en vez dos nacementos. Nestas datas evoco a miña primeira biblioteca de Pontevedra, no paseo de Colón, durante a miña adolescencia, onde liamos a Tintín e a Lucky Lucke, mais tamén A Peste de Albert Camus, Los pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán, os poemas de Rosalía de Castro, as novelas de Valle-Inclán, o principio das cousas…

 

 


Comentar