Os Valdés
Opinión
06 Nov 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Hai unhas semanas, nesta columna, argumentaba eu que os libros de memorias son en liñas xerais un tostón, fillos as máis das veces do aburrimento cando non exercicios, perfectamente prescindibles, de vaidade do memorialista. Por máis que espremo o maxín, non se me alcanza a quen demo poida interesar o Manual de resistencia dun tal Sánchez, texto de dubidoso didactismo pero paradigmático exemplo dunha vaidade ecuménica que fará, esta si, historia. E non se trata de política, enténdame vostede: nin ao meu peor inimigo agasallaría eu cun exemplar de Política para adultos dun tal Rajoy.
As memorias non son un xénero literario porque, simplemente, non son literatura. A literatura pide vestir (ou disfrazar) a prosaica realidade co artificio do enxeño e destinar os benéficos efectos do talento a que a realidade torne cousa digna de ser narrada e, aínda máis, compartida. Se eu lle conto a vostede a miña vida será como se vostede me conta a súa, un rollo macabeo apto para durmir as ovellas. Pero, ah!, se eu, partindo da miña experiencia, constrúo un personaxe literario a cousa muda, e ben que muda: o personaxe adquire unha autonomía, un marchamo de ficción, que, ao prescindir da servidume da realidade, pode volver apaixonante ata a vivencia máis charramangueira. Como pide o bo xornalismo: non deixes que a verdade che estrague un bo titular.
Que a Sonsoles Ónega, de estirpe noroccidental e rexa madeira periodística, lle concederan o premio Planeta, sendo como é un nome popular dunha televisión do megagrupo homónimo, non deixa de ser sorprendente. Tamén o sería, supoño, que non llo deran precisamente por selo, se a novela postulada é sólida e merecente do galardón. En fin, aló cada quen, que se os caíns deste país voaran non viamos o sol.
Las hijas de la criada, de Sonsoles Ónega, é a ficción da súa propia raizame galega que, nun tocho de 500 páxinas, narra a historia dunha familia de novela, a familia… ¡Valdés! Cando o vin nos medios dixen para min: esta rouboume a idea. Porque, en efecto, desbotadas as miñas memorias por non interesaren a ninguén, levo valorando anos novelar a historia da miña familia, nomeadamente dos Valdés que chegaron a Galicia dende Estremadura en 1943, cando o mundo era en branco e negro. O día menos pensado póñome. O mesmo gaño o Planeta.